Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

miércoles, 30 de abril de 2014

Arranca a tempada de pesca do salmón e do reo coa oferta de máis de 28.000 permisos de captura nas augas da comunidade


  • Esta actividade deportiva prolongarase dende mañá ata o 31 de xullo nos coutos de salmón e ata o 30 de setembro nos coutos de reo e tramos de pesca sen morte e permitirá a presenza dun máximo de 400 pescadores ao día nos tramos acoutados
  • As xornadas hábiles seguen sendo esta tempada todos os días, excepto os luns con carácter xeral e os xoves nos tramos acoutados
  • A talla mínima é de 45 cm no caso do salmón cunha cota máxima dun exemplar por pescador e día, mentres que para o reo a cota é de 5 de 35 cm
  • Suben as cotas totais de captura nalgúns ríos pola mellora das expectativas cara a tempada: 40 salmóns no Ulla e 12 no Lérez.
 
Na xornada de mañá iníciase a tempada de pesca de reo e salmón nas augas competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, que rematará o día 31 de xullo, prolongándose ata o día 30 de setembro nos coutos de reo e nos tramos de pesca sen morte, acoutados ou non, situados en masas de auga salmoneiras ou de reo.
A dirección xeral de Conservación da Natureza oferta un total de máis de 28.000 permisos de reo ou salmón na totalidade das augas da Comunidade, unhas cifras similares ás de 2013. Nos tramos acoutados para estas especies (15 para o reo e 11 para o salmón) permitirase a práctica desta modalidade deportiva a un máximo 400 pescadores cada día.
Compre lembrar que o 27 de abril comezou nos tramos do río Eo compartidos co Principado de Asturias e no tramo internacional do Miño a tempada comezou xa o primeiro de marzo. Así o primeiro de maio quedan finalmente abertas para a pesca todas as augas continentais de Galicia -exceptuando as vedadas- posto que tamén se abren ese día as augas de alta montaña.
En relación coas tallas e o número de capturas, o número autorizado de capturas é de 1 salmón por pescador e día, sendo a súa talla mínima legal de 45 cm. No caso do reo de forma xeral só se autoriza a captura de 5 exemplares diarios por pescador, que computan igualmente na cota total autorizada para a troita: en xeral 10 exemplares por pescador e día, dos que só 5 poderán ser reos. A talla mínima legal vixente do reo é de 35 cm.
Nos tramos compartidos do Eo a talla mínima legal do reo é de 25 cm e autorízase a captura total e indistinta de 8 troitas ou reos. Esta tempada as cotas totais de capturas por ríos establécense en 8 exemplares no Miño (couto de Frieira), 12 no Lérez, 40 no Ulla, 5 no Mandeo, 15 no Masma e 10 no couto de Salmeán no río Eo, no que non hai cota total nos tramos acoutados por debaixo do dito couto. As subas nas cotas de algúns ríos obedecen a unhas mellores perspectivas para esta tempada.
Xornadas hábiles e horarios
As xornadas hábiles seguen sendo esta tempada todos os días, excepto os luns con carácter xeral e os xoves nos tramos acoutados. Nos coutos conveniados os xoves serán hábiles na modalidade de pesca sen morte.
Os horarios de pesca fíxanse de acordo co disposto na lei de pesca fluvial: desde unha hora antes do alba ata unha hora despois do ocaso, conforme ás horas oficiais publicadas na web de Meteogalicia, tomando como referencia a localidade máis próxima ao momento onde se estea pescando.
Histórico das capturas
No período comprendido entre 1990 e 2013, as capturas de salmón reflicten un declive ata a segunda metade dos anos 90 do século pasado. O esforzo realizado en materia de accesibilidade, repoboacións con salmóns de orixe autóctona e limitación da presión de pesca -entre outros- conduciu a un lixeiro repunte que permitiu manter a súa explotación ata hoxe en día, só baixo unhas condicións moi restritivas.
 En relación co número de reos guiados nos ríos galegos é unha porcentaxe pequena dos que se capturan, pero pode dar unha idea do estado das poboacións. Aínda que o número de capturas decrece ano a ano hai que tomar en consideración que a talla mínima foise reducindo progresivamente ao longo dos anos. Hoxe é, en xeral, de 35 cm e exclúe aos reos máis pequenos que só pasaron uns meses no mar desde que migraron a principios de primavera e que antes conformaban a maior parte das capturas.
 Convenios coas entidades colaboradoras
Co fin de preservar a riqueza piscícola e da mellora do ecosistema fluvial dos seus coutos, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asinou convenios de colaboración coas sociedades de pesca fluvial das catro provincias.
Os convenios da convocatoria deste ano 2014 baséanse nunha redacción moito máis obxectiva que os anteriores, e explican claramente as accións e investimentos aos que se comprometen cada unha das partes asinantes. Así, a Consellería comprométese a reservar ás entidades colaboradoras unha porcentaxe dos permisos dispoñibles nos tramos acoutados, calculada en función dos compromisos adquiridos pola sociedade de pesca.
Na actualidade, no conxunto da Comunidade existen un total de 69 entidades colaboradoras, ás que pertencen case 11.000 pescadores. Os convenios en vigor benefician a un total 55 sociedades de pesca fluvial colaboradora, que agrupan a case 9.000 pescadores (unha media de 170 socios por entidade) nas catro provincias galegas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario