Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

jueves, 12 de noviembre de 2015

a federación galega de caza en pontevedra solicitou a cores tourís un protocolo de colaboración para recuperar a caza menor





§  O delegado territorial da Xunta en Pontevedra mantivo unha reunión con representantes deste colectivo e de tecores de la provincia para analizar a diminución destas especies nos montes pontevedreses

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo  unha reunión con representantes da Federación Galega de Caza e de tecores da provincia para analizar a diminución das especies de caza menor e do seu hábitat nos montes pontevedreses. Tamén estivo presente o xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, José Luis Díez.

Deste xeito, Cores Tourís recolleu a preocupación deste colectivo pola presenza cada vez menor de coellos e perdices nos montes pontevedreses, a causa tanto da presenza de depredadores como raposos, cans e gatos asilvestrados e visóns, como da desaparición do seu hábitat.

Esta é a razón pola que solicitaron a posta en marcha dun protocolo de colaboración entre a Federación e a Xunta (a través dos Servizos de Montes, Loita contra Incendios, e da Consellería de Medio Ambiente) de cara a traballar para a recuperación deste tipo de especies así como das zonas onde habitan.

Entre as medidas que se pretenden poñer en marcha grazas a este protocolo se atoparían a roza de zonas de monte, a xestión dos terreos dos tecores, o control dos depredadores e a posta en marcha de subvencións para a recuperación destes hábitats.

“Somos conservacionistas”, asegurou o presidente provincial da Federación, Francisco Couselo, “desexamos a mellora da natureza e por iso queremos volver a ver coellos e perdices nos nosos montes”.

Con este fin, a Federación Galega de Caza está a manter, dende fai semanas, reunións individuais e comarcais, cos tecores da provincia de cara a recoller as súas inquedanzas e buscar solucións a cada caso concreto. “Cada tecor é diferente e por eso temos que escoitar un a un”, engadiu Couselo.

Durante estas reunións, dende a Federación están a recordar aos representantes dos tecores que “é de vital importancia que calquera incidencia de danos producidos por depredadores sexa comunicada ao 012, un teléfono que, ademais, é gratuíto. Deste xeito, queda constancia do acontecido e se poden poñer en marcha medidas que atallen que estes danos vaian en aumento na zona afectada”, rematou Francisco Couselo, quen aproveito a reunión co delegado territorial para agradecer o encontro que mantiveron onte os catro presidentes da Federación Galega de Caza coa nova conselleira de Medio Ambiente, con quen analizaron a situación deste sector, “que é o segundo en número de afiliados en Galicia despois da Federación de Fútbol”.


No hay comentarios:

Publicar un comentario