Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

martes, 24 de noviembre de 2015

MÁIS DA METADE DOS CONCELLOS DA PROVINCIA ESTARÁN PRESENTES NO CULTURGAL DA MAN DA DEPUTACIÓN






Máis da metade dos concellos da provincia de Pontevedra participarán no Culturgal 2015 a través do espazo que a Deputación de Pontevedra puxo ao seu dispor nesta Feira. Un total de 33 concellos responderon á proposta que se lles trasladou o pasado mes de setembro desde o ente provincial para amosar a súa oferta cultural neste evento, e destes, un total de 12 participarán ademais presentando actividades e propostas culturais no programa da Feira.
O programa do Culturgal 2015, que se celebrará entre os días 4 e 6 de decembro, foi presentado oficialmente esta semana e entre as principais novidades, o presidente de Culturgal, Manuel Bragado, destacou a participación dos concellos da provincia por primeira vez grazas ao espazo da Deputación, indicando a importancia de "achegar ao público tamén a cultura local, alimentando a idea da relación entre cultura e turismo". Na mesma presentación o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal  fixo fincapé en que " apostamos por contar cun espazo no que amosaremos a cultura que se fai desde os concellos, difundindo a súa programación cultural, nunha experiencia que esperamos manter en anos vindeiros." Leal fixo fincapé no apoio do ente provincial á Feira das Industrias Culturais e fundamentou a colaboración da presente edición na premisa de que "a cultura ten que ser unha industria potente, que debe vertebrar non só a provincia de Pontevedra senón a todo o país".
O espazo da Deputación de Pontevedra contará con varios apartados diferenciados para amosar de xeitos distintos a información dos concellos. Habilitarase un apartado no que se mostrará a información impresa, dípticos, guías, catálogos e libros; un espazo audiovisual composto por varias pantallas para poder visualizar pezas audiovisuais sobre propostas culturais e fitos representativos de cada concello, e un terceiro espazo dedicado integramente a cartelería de eventos e citas representativas.
Representación de todas as comarcas
Da comarca de Pontevedra participarán os concellos de Barro, Campo Lameiro, A Lama, Vilaboa e Poio. Da comarca de Vigo estarán presentes Salceda de Caselas, Baiona e Gondomar. Da comarca do Salnés estarán Vilanova de Arousa, Cambados, O Grove e Sanxenxo. Da comarca de Caldas participarán Valga, Catoira, Caldas, Cuntis e Portas. Desde o Deza e Tabeirós estarán Rodeiro, Lalín, Silleda e A Estrada. Do Condado-Paradanta participarán Salvaterra de Miño, As Neves, Ponteareas, Crecente e Covelo. Desde o Baixo Miño estarán Oia, Tui, Tomiño e A Guarda. E desde a comarca do Morrazo estarán Cangas, Moaña e Bueu.
Comarca de Pontevedra. Os concellos de Barro, Vilabora e Poio participarán no posto provincial con información impresa sobre a oferta cultural, de ocio e turística dos respectivos concellos. Neste sentido, Barro ofrecerá información sobre citas representativas do concello como son a Festa do Viño, a xuntanza de corais e a romaría de San Breixo. Os concellos de Campo Lameiro e A Lama, ademais de ofrecer información impresa no posto tamén teñen previsto participar coa presentación de propostas. Campo Lameiro presentará o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre o venres día 4 ás 19:30 horas no programa Foro. O xerente do parque, César Abella, e o director do mesmo, José Manuel Rey, farán unha viaxe no tempo a través da súa paisaxe prehistórica e das imaxes gravadas na pedra. Pola súa banda, A Lama presentará a revista cultural de carácter anual 'A Pedreira' o sábado 5 ás 12:15 horas no programa Libro. Da presentación encargarase a coordinadora do proxecto, Cristina Villaverde Ruibal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario