Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

domingo, 5 de marzo de 2017

O CONSELLEIRO DE SANIDADE CONVIDA AOS VECIÑOS E VECIÑAS DE PONTEVEDRA A COÑECER O NOVO LOCAL DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE



·         Dende o pasado 21 de febreiro, os cidadáns poden achegarse ata o punto de atención permanente ao doador de ADOS na Praza do Hospital Provincial

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou esta tarde o novo local de doazón da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) nas inmediacións da Praza do Hospital Provincial de Pontevedra, que iniciou a súa actividade o pasado martes 21 de febreiro. O titular do departamento de Sanidade do executivo galego convidou a todos os pontevedreses e pontevedresas a achegarse ata este novo local e doar sangue.

Neste sentido, o conselleiro de Sanidade, salientou a ostensible mellora que este punto de atención permanente ao doador supón xa que dispón de catro postos de doazón que permiten doar polo xeito convencional e polo sistema de aférese. Ademais, este novo punto dispón de 75 m² de superficie, incrementando nun 50% o espazo con respecto ao local anterior.

Facilidades de acceso
Vázquez Almuiña, que estivo acompañado nesta visita polo director xera de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas; pola directora de ADOS, Marisa López García; polo xerente de Xestión Integrada de Pontevedra, José Ramón Gómez Fernández; e pola xefa territorial de Sanidade, Ángeles Feijoo-Montenegro, salientou a céntrica ubicación deste novo local situado ao carón do novo aparcamento do Hospital Provincial de Pontevedra, facilitando o acceso dos cidadáns que se acheguen cos seus vehículos, xa que dispón de varias prazas reservadas para os doadores e doadoras.

Este novo local conta cun axeitado sistema de climatización para garantir o máximo confort e comodidade tanto para os doadores e doadoras, como para os profesionais sanitarios que desenvolven o seu labor neste punto.

Elevada participación
O conselleiro de Sanidade puxo en valor a figura dos doadores e doadoras de sangue de Pontevedra, salientando o seu elevado nivel de compromiso e colaboración, como evidencia a consecución de 3.836 doazóns de sangue anuais, cifra que sitúa a este concello como o terceiro de maior índice de participación entre as sete grandes cidades galegas.


Vázquez Almuiña lembrou que Pontevedra ten acadado unha taxa de 46 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, cifra que supera en cinco puntos a media galega e que se sitúa dentro das recomendacións da Organización Mundial da Saúde, ratificando o carácter solidario e xeneroso desta cidade. Non obstante, realizou un chamamento a todos os cidadáns para que continúen incrementando a súa participación nas campañas de doazón de sangue, xesto indispensable para o sostemento do labor asistencial dos nosos hospitais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario