Os técnicos subliñan a
importancia de vixiar as fincas para detectar síntomas de excoriose, de ácaros
ou pedroulos
Vense de facer público o
primeiro aviso fitosanitario específico para a viña
A
Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de
Pontevedra, vén de publicar un aviso no que advirte de que aínda é moi cedo
para comezar os tratamentos contra o Mildeu na viña. Os técnicos recomendan
agardar a que os gromos das vides teñan un desenvolvemento maior, xa que de
momento non son receptivos ao ataque da enfermidade. Así mesmo, recomendan
vixiar as fincas para detectar síntomas de excoriose, de ácaros ou de
pedroulos.
A
técnica responsable da unidade de Artrópodos da EFA, Rosa Pérez, explica que no
día de hoxe verificouse a maduración da oospora do Mildeu, que é o órgano de
conservación do patóxeno en inverno. Segundo indica, isto só implica que da
comezo o ciclo da enfermidade, “pero non significa en absoluto que haxa que
comezar os tratamentos, xa que para que se produza a contaminación das viñas
fan falta ademais outras circunstancias, entre as que está o axeitado
desenvolvemento dos gromos para facelos receptivos ao ataque. Nestes intres os
viñedos están moi lonxe dese estado, polo tanto aínda non hai que aplicar
ningún tratamento fronte a esta enfermidade”, insiste.
En
canto á excoriose, Pérez subliña que é a enfermidade que precisará a primeira
intervención nas viñas, sobre todo se neste período de agromo se xuntan
temperaturas suaves-altas con choivas e se nos viñedos xa se constata a
presenza do patóxeno, “o que xa é habitual na maioría das fincas”. A técnica destaca que nas vides nas que non
se teña detectada a enfermidade non é preciso actuar e, naquelas nas que si se
advertise, “de momento é cedo para facelo”. En calquera caso, subliña que o
período de maior sensibilidade das viñas sitúase entre os estados fenolóxicos de
‘follas incipientes’ e ‘follas estendidas’, momento no que haberá que tratar
cun funxicida autorizado para a enfermidade.
Por
outra banda, a presenza de ácaros nas fincas pode provocar problemas na saída
das follas, sobre todo se a climatoloxía non é favorable ao crecemento dos
gromos e se o ano anterior houbo ataques relevantes. “É conveniente vixiar este
momento os viñedos e, se se observan xemas que non abren débese confirmar a
causa -pódense enviar mostras aos laboratorios- porque se é debido a estes
ácaros haberá que aplicar un tratamento específico”, sinala.
Finalmente,
en canto ao pedroulo, Pérez apunta que este escaravello é outra das pragas que
pode provocar problemas nos gromos da viña, aínda que a súa presenza non é mais
que puntual nos últimos anos na provincia, polo que unicamente se aconsella
vixilancia.
Nota: Os medios que precisen máis información ou imaxes
dos patóxenos poden utilizar, citando a súa procedencia, os documentos e gráficos
existentes na páxina web da EFA (http://www.efa-dip.org/es/servicios/Info_Fitosanitaria/Avisos/ultimo.HTM). As radios e tv
poden contactar coa técnica Rosa Pérez Otero para tomar audios e vídeos do
presente aviso fitopatolóxico.
No hay comentarios:
Publicar un comentario