Nin a choiva nin o frío freou o compromiso de case un centenar de persoas co reto Xuntos no Camiño, que reclama a integración total de todos aqueles que padecen algunha discapacidade ou enfermidade crónica. Este domingo percorreron a quinta etapa do Camiño Portugués, entre as localidades pontevedresas de Barro e Valga.
A etapa comezou ás nove da mañá na área recreativa de Barosa e, tras pasar por Caldas de Reis, acabou na capela de San Miguel de Valga, tras completar uns 18 quilómetros.
Entre os asistentes había, unha xornada máis, nenos con diabetes tipo 1 e outros con parálise cerebral, que están a facer a ruta en cadeiras.
Precisamente, esta quinta etapa estivo dedicada a esta afección, polo cal os participantes portaban un lazo verde en apoio a Amencer, asociación que atende a persoas con parálise cerebral.
As reivindicacións desta etapa centráronse na necesidade de que estes pacientes conten con actividades de lecer inclusivo e que poidan dispoñer de material adaptado para o seu día a día como bicis especiais tipo duet ou cadeiras específicas, para que a inclusión destas persoas vaia máis aló do colexio.
A seguinte etapa deste reto será o domingo 19 de marzo, cun percorrido entre Valga e Picaraña; mentres que a última marcha será o sábado 25 entre Picaraña e a praza do Obradoiro de Santiago de Compostela.
http://pontevedraviva.com/xeral/34871/paralisis-cerebral-protagonista-quinta-etapa-reto-xuntos-camino/
No hay comentarios:
Publicar un comentario