A
conselleira de Infraestruturas e Vivenda salientou hoxe no Parlamento de
Galicia que a Xunta se mantivo vixiante para que se garantise a calidade dos servizos aos usuarios, ao tempo que se velase
polo dereitos dos traballadores das terminais
§ Vázquez
Mourelle indica que Adif lle ratificou que non se eliminou nin se vai eliminar
o servizo de venda de billetes que realiza nas estacións de Guillarei, en Tui,
Sarria, A Rúa, Petín, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Ribadavia
§
Sinala que Adif explicou que o
proceso de modernización que se está a iniciar nas terminais, suporá a
instalación, no futuro, de máquinas de autovenda, pero non implicará perda dos
servizos que os veciños veñen recibindo
§
Salienta que a Xunta actuou con
dilixencia e firmeza, esixindo solucións para garantir que a prestación do
servizo de venda de billetes se fixese atendendo ás peculiaridades da poboación
destes municipios
§
Subliña que o Goberno galego aposta
de forma decidida polo rural e así o amosou cunha actitude moi activa ante o
Goberno do Estado para que a mobilidade dos veciños destes municipios estivesen
plenamente garantidos
Santiago,
8 de marzo de 2017.- A conselleira de Infraestruturas
e Vivenda, Ethel Vázquez, reiterou hoxe no Parlamento de Galicia a confirmación
de Adif de que que todas as estacións de ferrocarril da comunidade permanecerán
abertas e mantendo os servizos de venda de billetes como viña prestando ata o
de agora.
Vázquez Mourelle indicou que o pasado xoves o
presidente de Adif ratificoulle que non se eliminou nin se vai eliminar o
servizo de venda de billetes que realiza nas estacións ferroviarias de
Guillarei, en Tui, Sarria, A Rúa, Petín, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e
Ribadavia. Tamén lle comunicou esta determinación aos respectivos municipios
afectados.
Neste documento, Adif clarificaba que o
persoal de circulación da compañía continuará realizando as funcións comerciais
nestas terminais. Ademais, facíase fincapé en que non se deixaron de ofrecer os
servizos en ningún momento nin nunca se plantexou o peche destas estacións.
Adif explicou no citado escrito que o
desconcerto xerado semanas atrás sobre o servizo de venda de billetes puido ser debido aos procesos que se están a
impulsar para mellorar o funcionamento das liñas ferroviarias ao obxecto de
acadar un transporte seguro, eficiente e sostible. Reiterou que este proceso de
modernización, que poderá supoñer, no futuro, a instalación de máquinas de
autovenda, non implicará en modo algún unha perda dos servizos que os veciños
veñen recibindo.
A titular de Infraestruturas salientou que o
Goberno galego se mantivo vixiante e en contacto permanente con Adif e Renfe, demandándolles
que se garantise a calidade do servizo ferroviario aos usuarios, ao tempo que
se velase polo dereitos dos traballadores e o mantemento do emprego.
Vázquez Mourelle fixo fincapé en que a Xunta
está a apostar de forma decidida polo rural de Galicia e por dotar de servizos
e de novas oportunidades as comarcas interiores. É por isto que o Executivo
autonómico mantivo unha actitude moi activa ante o Goberno do Estado para que a
mobilidade dos veciños destes municipios e comarcas galegas estivesen plenamente
garantidos.
A conselleira destacou que o Goberno galego
actuou con dilixencia, dando traslado a ADIF, a Renfe e ao propio ministro de
Fomento da alarma social que estaba a producir a reorganización do persoal nas
estacións ferroviarias da comunidade. Ademais, precisou que tamén se actuou con
firmeza, esixindo solucións satisfactorias para garantir que a prestación do
servizo de venda de billetes se fixese, sempre, atendendo ás peculiaridades da
poboación destes municipios e comarcas do rural de Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario