A iniciativa, dotada con
324.000 €, ten como obxectivos mellorar a formación básica das mulleres,
contribuír á súa empregabilidade e superar os problemas derivados da
desigualdade de xénero
A Xunta de Goberno da
Deputación de Pontevedra vén de aprobar o expediente para a contratación, por procedemento
aberto, do programa “Conectadas 2017” impulsado polo servizo de Igualdade da
institución provincial. Esta iniciativa ten por obxectivo mellorar a formación
básica das mulleres, favorecer as relacións
interpersoais e o intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa
empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, reducir a brecha
dixital mediante a utilización da información e as novas tecnoloxías e superar os
malestares das mulleres derivados da desigualdade de xénero, impulsando accións
formativas que incorporan de maneira transversal os principios de igualdade,
corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar.
As empresas que queiran presentarse
ó concurso deberán presentar, entre outras cuestións, un plan de traballo no
que se recollerá a metodoloxía para o desenvolvemento do programa, un
cronograma de accións a realizar e unha relación de recursos humanos e
materiais que porá a disposición do programa. Amais, tamén deberán confeccionar
unha base de datos para recoller as solicitudes remitidas polas entidades que
queiran participar en “Conectadas 2017”, un plan de coordinación coas entidades,
persoas participantes e o propio servizo de igualdade da Deputación de
Pontevedra, detallar a presentación e clausura das acción formativas así como
seguimento das acción formativas, presentar un rexistro do persoal encargado da
docencia e coordinación, asumir o material para o alumnado e subscribir unha
póliza de responsabilidade civil. A empresa tamén será responsable de lles
recadar ás persoas ou entidades o pagamento de 6 € por cada acción formativa e
de lles expedir o xustificante correspondente.
A Deputación de Pontevedra
achega neste exercicio a cantidade de 324.000 € a “Conectadas 2017”, cunha
oferta inicial de cursos situada en 270. O programa está destinado ás
asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como
obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu
desenvolvemento e empoderamento, ao igual que o seu tecido asociativo e a
paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes. Cada unha das asociacións poderá solicitar
unha única acción formativa que suman un total de 47 obradoiros distribuídos
entre oito bloques temáticos: “Muller emprende” (emprendemento), “Muller e
cultura” (dedicado ás artes visuais), “Actualízate” (alfabetización dixital),
“Coas túas mans” (traballos manuais), “Porque ti o fas” (xardinería e
ornamentación floral), “Súmate ao cambio” (cociña, costura, coidados e
dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), “Ponte en forma”
(deportes) e “Coidados persoais”.
As actividades formativas están
abertas a toda a poboación, pero con preferencia para as mulleres xa que
unicamente se reserva o 25% das prazas para homes, agás nos obradoiros do
bloque “Súmate ao cambio”, no que a participación pode ser mixta ao 50%. Os
cursos, cunha duración de 35 horas (5 delas para un módulo de sensibilización
na Igualdade de oportunidades), deberán reunir 15 prazas e, como máximo, entre
20 e 25.
A Deputación de Pontevedra
volve pór en marcha este proxecto, que o ano pasado sumou a máis de 5.000
persoas, ao considerar que a formación é un instrumento imprescindible á hora
de acadar unha igualdade real, buscando garantir o acceso a todos os membros da
sociedade á participación nas distintas esferas e actividades: económica,
política, de participación social, educativa, formativa, laboral, entre outras,
sobre as bases da igualdade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario