Esta
liña, dotada cun orzamento de 120.000 euros, está destinada a persoas físicas e
xurídicas sen ánimo de lucro da provincia que realicen certames musicais e
teatrais de recoñecido prestixio
Priorizarase a programación e difusión da música e do
teatro galego e os festivais deben ter ao menos dúas edicións consecutivas nos
tres últimos anos
A
Xunta do Goberno provincial aprobará mañá as bases de subvencións a entidades
sen ánimo de lucro para apoiar o desenvolvemento de festivais musicais e de
artes escénicas na provincia de Pontevedra durante o exercicio 2017. Esta liña,
que está dotada cun orzamento de 120.000 euros, está especialmente concibida
para promover certames que difundan teatro e música en galego e que se levasen
a cabo, como mínimo, en dúas edicións consecutivas nos tres últimos anos. Estas
axudas poderán ser solicitadas por persoas físicas e xurídicas que carezan de
fins de lucro, entre o día seguinte ao da publicación do extracto da
convocatoria no BOPPO e o 17 de abril.
Trátase
dunha liña de axudas de nova creación que se convoca neste exercicio por
primeira vez, co obxecto xenérico de impulsar os sectores das artes escénicas e
musicais, por considerar que se trata de elementos claves da creatividade
artística e da dinamización cultural da provincia, e co fin de contribuír á
promoción, protección e difusión do patrimonio cultural nestes dous ámbitos.
En
canto aos requisitos específicos, os Festivais de Música deben ter unha
duración mínima de dúas xornadas e contar cun mínimo de oito grupos, dos cales
catro deben ser grupos galegos ou que teñan a presenza de máis de 15
compoñentes galegos e que se interpreten obras de autoría galega. Ademais deben
incluír na programación actividades paralelas de posta en valor do sector musical
galego ou de formación musical.
Os
Festivais de Artes Escénicas tamén deben ter unha duración mínima de dúas
xornadas e contar cun mínimo de oito compañías, das cales un mínimo de tres
deben ser galegas ou que se poñan en escena obras de autoría galega e que
empreguen a lingua galega nas súas representacións. A programación debe incluír
actividades paralelas de posta en valor do sector teatral galego ou formativas.
En
ambas modalidades, as entidades solicitantes teñen a obriga de empregar a
lingua galega na comunicación nos diferentes soportes e no desenvolvemento das
actividades paralelas, sen prexuízo do uso doutras linguas oficiais.
Para
adxudicación destas axudas teranse en conta criterios de valoración con
respecto á ultima edición do Festival solicitante como son o número de grupos –
compañías ou integrantes; a asistencia ao festival; as actividades ou accións
paralelas realizadas; e as achegas propias ao proxecto. Tamén se terán en conta
criterios con respecto á edición do 2017, como a antigüidade do festival; as
actividades paralelas que se vaian levar a cabo; e a viabilidade do proxecto en
relación á porcentaxe de subvención solicitada e orzamento total.
Quedan
expresamente excluídas desta convocatoria as actividades subvencionadas noutros
programas e convocatorias provinciais e os festivais e certames organizados por
bandas de música, asociacións e grupos folclóricos, rondallas, agrupacións e
masas corais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario