CONTRATACIÓN DA EXECUCIÓN DO PROGRAMA “DEPO EN MARCHA” - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

viernes, 31 de marzo de 2017

CONTRATACIÓN DA EXECUCIÓN DO PROGRAMA “DEPO EN MARCHA”


No ano 2016 participaron no programa preto de 4.000 persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o expediente para a contratación, mediante procedemento aberto, da xestión, desenvolvemento e execución do programa “Depo en marcha”, ao que este ano a institución provincial destina 120.000 €. O ano pasado participaron no programa preto de 4.000 persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra.

Este programa ten como finalidade favorecer o envellecemento activo das persoas da provincia, a través de oito bloques temáticos de obradoiros, para contribuír a optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade da terceira idade. Tamén busca establecer relacións sociais e favorecer a participación en actividades que melloren o estado anímico destas persoas; potenciar movementos de participación e de cooperación social; promover espazos de encontro e intercambio de experiencias e favorecer a súa independencia para evitar o illamento e situacións de soidade.

En total, a Deputación de Pontevedra oferta 100 obradoiros dirixidos a entidades de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra estruturados en oito áreas temáticas: “Traballando coas mans” (arte con flores, cestería, elaboración de xabóns, iniciación ao encaixe de palillos, restauración de mobles e tapicería e manualidades), “Entre fogóns” (cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería e repostería e tapiñas e petiscos), “Aprendendo da natureza” (plantas mediciñais), “Móvete” (pilates, ioga, ximnasia de mantemento e zumba), “Activando corpo e mente” (conservando a memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e o estrés), “Enredando” (xogos tradicionais e teatro), “Dálle marcha” (bailes de salón, pandeireta e canto popular) e “En rede” (internet, correo electrónico e manexo do móbil, informática- iniciación e informática-avanzado).

As empresas interesadas en optar á execución e posta en marcha do programa “Depo en marcha 2017” terán un prazo de 15 días a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia.
Pontevedra, 19 de marzo de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario