Están destinadas a entidades
sen ánimo de lucro e o prazo de solicitude rematará o 25 de abril
Contempla
catro apartados: fomento da creación, sociolingüística e toponimia, fomento do
galego no comercio e na industria, e recoñecementos e distincións
A
Xunta do Goberno provincial aprobou as bases das axudas
para a realización de actividades de dinamización da lingua galega no ano 2017.
A estas axudas poderán concorrer entidades sen fins de lucro, que deben
presentar as solicitudes entre o día seguinte da publicación do extracto no
BOPPO e o 25 de abril. Esta convocatoria está dotada cunha partida orzamentaria
de 110.000 euros.
A
liña de dinamización do galego, que fora convocada no ano 2016 por primeira
vez, busca fomentar as actividades encamiñadas á dinamización do galego realizadas
por entidades sen ánimo de lucro, co fin de promover o uso do idioma no ámbito
socioeconómico. Para acadar estes fins contempla o financiamento de actividades
en catro apartados. O primeiro deles, baixo o epígrafe ‘fomento da creación e
da difusión cultural en lingua galega’, inclúe certames literarios e
xornalísticos, creación audiovisual e literaria, e feiras e eventos que
promocionen a creación en lingua galega. O segundo, denominado
‘sociolingüística e toponimia’, engloba estudos e publicación sobre
sociolingüística, e xornadas e publicación de recuperación da toponimia. O
terceiro, denominado ‘fomento do emprego do galego no comercio e na industria’,
vai encamiñado a promover xornadas, campañas e publicacións para a dinamización
comercial en lingua galega. E o cuarto, ‘recoñecementos e distincións’, acolle
actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración das Letras
Galegas ou que recoñezan o labor de persoas ou colectivos que aposten polo
galego.
Desta
convocatoria quedan expresamente excluídas as viaxes de lecer, as excursións,
as festas gastronómicas e as festas populares, así como os gastos gastronómicos
-agás cando garden relación directa coa actividade e sexan necesarios para o
seu desenvolvemento-. Tamén se exclúen as actividades subvencionadas no mesmo
exercicio a través doutras convocatorias de subvencións ou plans provinciais da
Deputación; os gastos de funcionamento das entidades, os gastos correntes, os
gastos de persoal da propia entidade e as actividades xerais que se realizan ao
longo de todo o ano.
Para
solicitar estas axudas, as persoas físicas e xurídicas deben carecer de fins de
lucro e desenvolver as súas actividades no ámbito territorial da provincia de
Pontevedra -aínda que excepcionalmente poden ser de fóra da provincia se as
actividades versan sobre temas de interese para a provincia-. Non poderán
beneficiarse destas subvencións as ANPAS nin as asociacións que teñan pendente
de xustificar subvencións concedidas no exercicio anterior no mesmo programa.
Para
a adxudicación destas subvencións, as bases reguladores contemplan catro
criterios: a difusión da actividade, segundo sexa de ámbito local, provincial,
nacional ou internacional; o orzamento total da actividade; a porcentaxe
solicitada de financiamento; e adecuación da actividade ai interese provincial.
No hay comentarios:
Publicar un comentario