A TEMPADA DE PESCA FLUVIAL DE 2017 OFRECE MÁIS DE 310.000 PERMISOS PARA A PRÁCTICA DESTE DEPORTE EN 30.000 KM DE RÍOS - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

miércoles, 8 de marzo de 2017

A TEMPADA DE PESCA FLUVIAL DE 2017 OFRECE MÁIS DE 310.000 PERMISOS PARA A PRÁCTICA DESTE DEPORTE EN 30.000 KM DE RÍOS





§         A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio asinou esta mañá senllos convenios de colaboración con 59 entidades de pesca fluvial, co obxectivo de incrementar o número de afeccionados menores de 20 anos
§         Outro dos obxectivos é promover e divulgar entre os mozos os valores naturais da pesca fluvial e recreativa como actividade sustentable
§         Difundir a pesca sen morte entre os nenos é tamén un reto, polo que nesta tempada se incorporan 30 novos quilómetros para o desenvolvemento desta modalidade, sumando un global de 328 quilómetros

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, recordou esta mañá que a tempada de pesca fluvial, que comeza o vindeiro 19 de marzo, ofrece máis de 310.000 permisos para a práctica deste deporte en 30.000 quilómetros de ríos e unha ampla rede de encoros e 148 coutos.

A conselleira de Medio Ambiente salientou estas cifras durante a sinatura dos convenios de colaboración con 59 entidades de pesca fluvial, que teñen por obxectivo –entre outros- favorecer o relevo xeracional e incrementar o número de afeccionados entre os menores de 20 anos.

Mato Otero sinalou que para invitar aos mozos a participar no desenvolvemento desta actividade, a orde que regula a tempada de pesca do presente ano inclúe dez tramos libres de pesca sen morte cunha lonxitude de 30 quilómetros, polo que en total se ofrecen 328 quilómetros. Engadiu que nos últimos anos tense aumentado a oferta de pesca sen morte, xa que se en 2012 había 199 quilómetros agora contabilízanse case 330.

Indicou que incrementar a presenza dos máis novos é un reto que vén de atrás, e nos últimos anos se rexistrou un lixeiro aumento das licencias obtidas por rapaces; pois se no 2010 os menores de 20 anos supoñían un 4,4 por cento do total de licencias, o pasado ano esa porcentaxe incrementouse ata o 7,74 por cento.

Manifestou que outro dos obxectivos dos convenios asinados esta mañá é, ademais de captar novos pescadores, promover e divulgar os valores naturais e da pesca fluvial e recreativa como actividade sustentable entre os mozos, coa celebración e divulgación de campionatos e eventos relacionados coa actividade piscícola.

Nese sentido, invitou ás entidades a realizar eventos e actuacións, dirixidas ao público máis novo e ao colectivo de discapacitados, como potenciar e difundir a protección da fauna ictícola e do medio natural, fomentar a pesca sen morte, como medida de conservación dos recursos ictícolas, co impulso do emprego das técnicas de pesca menos lesivas e máis sustentables, e realizar actuacións de divulgación e fomento dos valores deportivos e medio ambientais asociados á práctica da pesca deportiva, como cursos de sensibilización ambiental para o coidado e respecto á natureza.

Limpezas de sendas e marxes fluviais
A conselleira de Medio Ambiente tamén destacou o esforzo do Goberno galego a prol da limpeza e mantemento das sendas e marxes fluviais, pois dende 2009 ata a actualidade lévase investido case un millón de euros en actuacións na rede de canles fluviais de Galicia, o que supón máis de 963 quilómetros de limpeza de marxes e sendas de tramos fluviais.

Tamén indicou que nos últimos anos tense incrementado os orzamentos destinados as actuacións de mellora nos ecosistemas fluviais, feito que confirma a clara sensibilidade da Consellería de Medio Ambiente nesta materia. Así, entre o pasado ano e o que vai de 2017, o investimento en labores de limpeza de sendas e marxes de diferentes tramos fluviais ascende a case 280.0000 euros (277.110), para actuar en máis de 431 quilómetros, indicou.

No hay comentarios:

Publicar un comentario