·
Dende o
pasado 21 de febreiro, os cidadáns poden achegarse ata o punto de atención
permanente ao doador de ADOS na Praza do Hospital Provincial
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou esta tarde
o novo local de doazón da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) nas
inmediacións da Praza do Hospital Provincial de Pontevedra, que iniciou a súa
actividade o pasado martes 21 de febreiro. O titular do departamento de
Sanidade do executivo galego convidou a todos os pontevedreses e pontevedresas
a achegarse ata este novo local e doar sangue.
Neste sentido, o conselleiro
de Sanidade, salientou a ostensible mellora que este punto de atención
permanente ao doador supón xa que dispón de catro postos de doazón que permiten
doar polo xeito convencional e polo sistema de aférese. Ademais, este novo
punto dispón de 75 m² de superficie, incrementando nun 50% o espazo
con respecto ao local anterior.
Facilidades de acceso
Vázquez Almuiña, que estivo
acompañado nesta visita polo director xera de Asistencia Sanitaria do Sergas,
Jorge Aboal Viñas; pola directora de ADOS, Marisa López García; polo xerente de
Xestión Integrada de Pontevedra, José Ramón Gómez Fernández; e pola xefa
territorial de Sanidade, Ángeles Feijoo-Montenegro, salientou a céntrica
ubicación deste novo local situado ao carón do novo aparcamento do Hospital
Provincial de Pontevedra, facilitando o acceso dos cidadáns que se acheguen cos
seus vehículos, xa que dispón de varias prazas reservadas para os doadores e
doadoras.
Este novo local conta cun
axeitado sistema de climatización para garantir o máximo confort e comodidade
tanto para os doadores e doadoras, como para os profesionais sanitarios que
desenvolven o seu labor neste punto.
Elevada participación
O conselleiro de Sanidade
puxo en valor a figura dos doadores e doadoras de sangue de Pontevedra,
salientando o seu elevado nivel de compromiso e colaboración, como evidencia a
consecución de 3.836 doazóns de sangue anuais, cifra que sitúa a este concello
como o terceiro de maior índice de participación entre as sete grandes cidades
galegas.
Vázquez Almuiña lembrou que
Pontevedra ten acadado unha taxa de 46 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano,
cifra que supera en cinco puntos a media galega e que se sitúa dentro das
recomendacións da Organización Mundial da Saúde, ratificando o carácter
solidario e xeneroso desta cidade. Non obstante, realizou un chamamento a todos
os cidadáns para que continúen incrementando a súa participación nas campañas
de doazón de sangue, xesto indispensable para o sostemento do labor asistencial
dos nosos hospitais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario