O CENTRO DE TRANSFUSIÓN DE GALICIA ANIMA AOS DOADORES E DOADORAS A COÑECER O PROCESO DE DOAZÓN MEDIANTE AFÉRESE - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

lunes, 27 de febrero de 2012

O CENTRO DE TRANSFUSIÓN DE GALICIA ANIMA AOS DOADORES E DOADORAS A COÑECER O PROCESO DE DOAZÓN MEDIANTE AFÉRESE


§  Este sistema de doazón permite obter os diferentes compoñentes sanguíneos por separado e mellora a calidade trasfusional para os receptores
 
A aférese é unha forma diferente de doazón de sangue, na que Galicia foi pioneira na súa implantación, e que consiste na selección dun determinado compoñente sanguíneo (plasma, plaquetas ou glóbulos vermellos) e a restitución do sangue ao doador nun único proceso.

Na doazón de sangue convencional, se obtén sangue total que, posteriormente, debe ser dividido nos seus diferentes compoñentes ou hemoderivados para a súa utilización na transfusión aos enfermos. A aférese evita ter que someter o sangue a este proceso de división, tamén coñecido como proceso de fraccionamento.

A cantidade de plaquetas que, por exemplo, obtemos nunha doazón de aférese, equivale ás plaquetas obtidas en cinco doazóns convencionais. Deste xeito, as plaquetas obtidas mediante aférese, ao proceder dun único doador, garanten unha mellor calidade transfusional e, ademais, non repercute na saúde do doador que sempre queda con cifras seguras de todos os compoñentes sanguíneos.

Evolución
No ano 1994, o Centro de Transfusión de Galicia (CTG) promovía o desenvolvemento do programa de doazón de aférese co obxectivo de incentivar a participación dos cidadáns que xa eran doadores, neste sistema de doazón. Con anterioridade á creación do CTG, no ano 1993, en Galicia non existían doadores altruístas de aférese.

Coa posta en marcha do CTG impulsouse unha ampla campaña informativa entre os doadores de sangue para darlles a coñecer as características desta  modalidade de doazón, que pasou das 483 doazóns obtidas no ano 1994 ás máis de 7.600 obtidas no ano 2010.

Requisitos
Para ser doador de aférese, os requisitos son similares aos esixidos na doazón de sangue convencional: ter un estado de saúde normal, idade superior aos 18 anos, pesar máis de 50 quilos e non padecer nin ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue pero, como requisito adicional, resulta preciso ter doado sangue polo xeito convencional previamente.

Dadas as peculiares características da doazón por aférese que, actualmente, esixen a súa realización nos locais de doazón do Centro de Transfusión de Galicia ubicados nas sete grandes cidades galegas e a maior duración do proceso con respecto á doazón convencional, a doazón mediante o sistema de aférese realízase polo sistema de cita previa para maior comodidade do doador.

LUGAR
HORARIO
CENTRO DE TRANSFUSIÓN DE GALICIA (Santiago)
Luns a venres das 8.00 ás 22.00 horas
Sábados das 8.00 ás 15.00 horas
COMPLEXO HOSPITALARIO UNIVERSITARIO DA CORUÑA (A Coruña)
Luns a venres das 8.00 ás 22.00 horas
Sábados das 8.00 ás 15.00 horas
HOSPITAL ARQUITECTO MARCIDE (Ferrol)
Luns e venres das 8.00 ás 22.00
Martes, mércores e xoves das 8.00 ás 15.00 horas
HOSPITAL LUCUS AUGUSTI (Lugo)
De outubro a marzo:
Luns e venres das 8.00 ás 22.00
Martes, mércores e xoves das 8.00 ás 15.00 horas
De abril a setembro:
Luns a venres das 8.00 ás 15.00
COMPLEXO HOSPITALARIO UNIVERSITARIO DE OURENSE (Ourense)
De outubro a abril:
Luns das 8.00 ás 22.00 horas
Martes, mércores e xoves das 8.00 ás 15.00 horas
Venres das 15.00 ás 22.00 horas
De maio a setembro:
Luns a venres das 8.00 ás 15.00
HOSPITAL PROVINCIAL (Pontevedra)
De outubro a abril:
Luns e venres das 8.00 ás 15.00
Martes, mércores e xoves das 15.00 ás 22.00 horas
De maio a setembro:
Luns a venres das 8.00 ás 15.00
HOSPITAL NICOLÁS PEÑA (Vigo)
Luns a venres das 8.00 ás 22.00 horas
Sábados das 8.00 ás 15.00 horas


Non obstante, para resolver calquera dúbida sobre a doazón de aférese, ou a doazón convencional, ou para saber onde podemos efectuar unha doazón, o Centro de Transfusión de Galicia pon a disposición dos cidadáns os teléfonos 900 100 828 ou 881 546900.

No hay comentarios:

Publicar un comentario