O presidente da Deputación defende a aposta de Feijoo pola fusión e unificación de servizos
O presidente da Deputación provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, convocará a todos os alcaldes e alcaldesas da provincia a unha xuntanza o vindeiro 6 de marzo ás 10,00 horas para analizar a xestión conxunta da recollida de lixo, a auga e a recollida de animais domésticos abandonados.
A Deputación de Pontevedra ten xa confirmado o interese de máis de 40 concellos en acollerse a un servizo provincial de recollida de lixo e de recollida de animais abandonados, sobre a que se concretarán máis puntos na xuntanza do vindeiro 6 de marzo pero, a maiores, abordarase un tema de gran interese e sobre o que a Administración Provincial leva xa un tempo traballando como é o da xestión “máis eficiente e eficaz da auga”.
Rafael Louzán indicou que non se trata “dunha cuestión menor”, senón que se vai afondar na posta en marcha dun “modelo conxunto de xestión da auga”. Un problema, dixo, “que se vén producindo cada ano” e que neste ano xa está xurdindo nalgúns puntos.
O presidente da Deputación provincial salientou de que se trata de analizar “a forma de optimizar este recurso vital e garantir este servizo público de maneira máis eficiente, máis eficaz e cunha xestión responsable”, non só para estes momentos de crise, senón coa vista posta no futuro.
FUSIÓN DE CONCELLOS
En resposta a preguntas dos xornalistas, Rafael Louzán situou esta liña de traballo na que a Deputación de Pontevedra vén traballando desde fai anos en sintonía coa aposta do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, de primar, á hora de conceder axudas, a aqueles municipios que opten pola unificación de servizos ou pola fusión.
Louzán asegurou que o camiño para unha mellor xestión pública é este, como tamén indicou o xefe do executivo galego, e recalcou que a Deputación ten xa en marcha servizos como o contrato único de subministración eléctrica para 40 concellos –que lles supón un aforro medio do 20%- e a xestión tributaria de 52 concellos da provincia, aos que tamén lles supón un aforro notable porque carecen de medios para realizar esta tarefa de forma individual.
Nesta liña, asegurou que “nace un novo modelo de xestión pública no que nada vai ser como antes”, polo que fixo un chamamento aos concellos “a consorciar, porque os tempos veñen extremadamente difíciles”, lembrando que os fondos que van ter as administracións locais procedentes do Estado van caer de forma radical, polo que é preciso ir camiñando xa “nesa política de austeridade e de redución do gasto público”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario