UN 80% DOS CONCELLOS, INTERESADOS NUN SERVIZO PROVINCIAL DE RECOLLIDA DE LIXO E DE CANCEIRA PROVINCIAL - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

sábado, 18 de febrero de 2012

UN 80% DOS CONCELLOS, INTERESADOS NUN SERVIZO PROVINCIAL DE RECOLLIDA DE LIXO E DE CANCEIRA PROVINCIAL

Rafael Louzán salienta que a iniciativa da Deputación “foi acertada” e permitirá dar un servizo máis eficaz, eficiente e a menor custe

Un 80% dos concellos da provincia poderían sumarse a un servizo provincial de recollida de lixo e de canceira provincial, segundo asegurou esta mañá o presidente da Deputación Rafael Louzán. 

Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, Louzán confirmou que 41 concellos amosaron xa o seu interese en sumarse ao servizo de recollida de lixo e 51 no de canceira provincial, cifra que moi posiblemente se incremente, xa que hai outro grupo de concellos cos que o presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán, está pendente de manter unha conversa para concretar se se sumarán ou non, co que nos dous casos serían máis de 50 os concellos interesados en adherirse.

Rafael Louzán  salientou que o gran interese amosado polos alcaldes nestes servizos é unha mostra de que a iniciativa da Deputación “foi acertada” e que se está a ir polo bo camiño. Neste sentido, indicou que a Administración provincial esta a liderar unha aposta por “mancomunar e xestionar servizos de maneira máis eficaz, máis eficiente e a menor custe”.

A posta en marcha dun servizo de recollida de lixo a nivel provincial suporía unha notable redución de custes, ao permitir diminuír os medios técnicos e humanos ata nun 50%, segundo os cálculos realizados pola Deputación Provincial. Ademais, Louzán quixo recalcar que este excedente de recursos humanos non perdería o seu traballo, senón que “pasaría a facer outras actividades” de interese no concello.

CANCEIRA
En canto á canceira, Louzán lembrou que nestes momentos están analizando a posible posta en marcha das instalacións que a Mancomunidade do Salnés posúe en Meis para dar servizo a un importante número de concellos da provincia.

Na actualidade son 51 os que amosaron o seu interese neste servizo, que permitiría, en palabras do presidente da Deputación, dar resposta a un “asunto problemático” ao que moitos concellos non poden facer fronte.
Louzán indicou que son varias as empresas interesadas na xestión deste servizo, así como a protectora de Cambados, coa que recentemente mantivo un encontro para analizar o futuro destas instalacións e escoitar as súas propostas.

A posta en marcha deste servizo tería un “custe razoable que imos liderar desde a Deputación”, asegurou Louzán, quen incidiu en que agora queda tamén analizar “como distribuímos o ámbito xeográfico da canceira para que non teñan que ser desprazamentos moi longos”.

O obxectivo é, en definitiva, “dar servizo a todos os cidadáns vivan onde vivan” e contribuír a minimizar un problema como é o dos cans abandonados polas rúas de todas as estradas da provincia.

 



No hay comentarios:

Publicar un comentario