As 113 axudas convocadas, cuxa dotación económica será de 1.100 euros por beneficiario, estan dirixidas ao alumnado matriculado nalgunha das tres universidades do sistema universitario de Galicia ou nos centros asociados da UNED na comunidade.
Requisitos:
1. Poderán solicitar estas axudas os alumnos universitarios que cumpran os seguintes requisitos:
- Estar matriculado no curso 2011/2012, como mínimo en 50 créditos, incluído neles o proxecto fin de carreira, en calquera das universidades do Sistema Universitario de Galicia, ou nos centros asociados da UNED en Galicia.
- Ter superado no momento de presentación da solicitude 60 créditos en titulacións de 1.º ciclo ou 120 créditos en titulacións de grao e de 1.º e 2.º ciclo.
- Ter unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 7,00 puntos, para alumnos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 6,00 puntos, para alumnos da rama de Enxeñaría e Arquitectura.
- O curso de idiomas debe ter unha duración mínima de tres semanas, cun mínimo de 15 horas lectivas semanais. O idioma que se desexe cursar deberá corresponderse co idioma oficial do país elixido.
2. Quedan excluídos desta convocatoria:
- Os alumnos que xa resultasen beneficiarios desta axuda en anteriores convocatorias.
- Os/as alumnos que durante o curso 2011/2012 sexan adxudicatarios dunha bolsa do programa comunitario de mobilidade Erasmus, sempre e cando a estadía que pretendan realizar sexa para perfeccionar a lingua oficial do país no que se está a desenvolver o devandito programa.
Documentación que hai que presentar.
A solicitude (anexo I, modelo normalizado ED416A) e a declaración responsable (anexo II, na que apersoa solicitante debe indicar se ten ou non solicitada ou concedida outro tipo de bolsa ou axuda para a mesma finalidade ante as administracións públicas ou outros entes públicos) presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia xunto coa seguinte documentación:
a) Copia dixitalizada da certificación académica completa emitida pola universidade correspondente, na cal se farán constar as materias ou créditos nos que está matriculado no curso académico 2011-2012 así como a nota media do expediente académico, obtida de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, con data do 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, publicado no DOG o día 30 de setembro de 2011 por Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011.
Os alumnos que estean cursando estudos de 2.º ciclo de ensinanzas LRU, por acceder desde unha titulación de 1.º ciclo, deberán enviar ademais unha copia dixitalizada da certificación académica relativa ao primeiro ciclo realizado. Igualmente, os alumnos que estean cursando estudos oficiais de grao por accederen desde unha titulación de primeiro ou primeiro e segundo ciclo, deberán presentar unha copia dixitalizada da certificación académica completa na que se inclúa o recoñecemento das materias cursadas nestes.
b) Programa do curso de idiomas para o que se solicita a axuda, no que deberán figuraro centro e lugar de destino, o período de duración, as datas de realización do curso e o número de horas lectivas semanais.
Forma e prazo de presentación de solicitudes:
1. As solicitudes serán subscritas directamente polas persoas interesadas ou pola persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Non se admitirá como medio de presentación de solicitudes os servizos de mensaxaría privados.
3. O formulario da solicitude, correspondente co modelo normalizado ED416A que se publica como anexo I a esta orde, e a declaración responsable necesaria que se publica como anexo II, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es/, para a súa tramitación electrónica completa.
4. Para a presentación na sede electrónica do devandito formulario e da declaración responsable admitiranse o DNI electrónico ou calquera outro sistema de sinatura electrónica aceptado pola sede da persoa solicitante ou representante legal.
5. Para a tramitación electrónica do presente procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención ao presentar os formularios, poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es
No caso de dúbida en relación coa presente convocatoria, poderá facer as súas consultas no enderezo electrónico orientación.sug@edu.xunta.
6. O formulario de solicitude e a declaración responsable deberán ser cubertos en todos os seus campos sen engadir novos datos, emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.
7. No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, admítese igualmente a presentación da solicitude e da declaración responsable en formato papel unha vez cuberto o formulario en formato PDF dispoñible na sede, que se presentará asinado no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, dirixido á Secretaría Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela)
As bases da convocatoria poden consultalas en: http://www.xunta.es/dog/
No hay comentarios:
Publicar un comentario