A Xunta lembra que non promove a realización de tratamentos aéreos con insecticida contra a praga do gorgullo do eucalipto - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

lunes, 21 de mayo de 2012

A Xunta lembra que non promove a realización de tratamentos aéreos con insecticida contra a praga do gorgullo do eucalipto

A Consellería do Medio Rural e do Mar tampouco recibiu polo de agora ningunha solicitude de particulares para usar este produto fitosanitario nas súas plantacións 

Ao Goberno galego unicamente lle compete avaliar as peticións que poida recibir e tramitar a correspondente autorización administrativa

A Xunta de Galicia non está a promover a realización de ningún tipo de “tratamento aéreo” co insecticida antiquitinizante denominado Flufenoxuron para o tratamento do gorgullo do eucalipto (de nome científico Gonipterus scutellatus). O Goberno galego tampouco recibiu polo de agora ningunha solicitude de particulares para usar este produto fitosanitario nas súas plantacións.

A Consellería do Medio Rural e do Mar ten coñecemento do interese dalgúns propietarios forestais sobre a posible utilización deste insecticida dentro dun plan financiado pola Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón (Aspapel) para loitar contra as defoliacións producidas polo gorgullo, que provocan a ralentización do desenvolvemento da árbore, afectando á produtividade da masa, podendo incluso producir a morte das árbores. O obxectivo do tratamento aéreo –tal e como foi trasladado polos promotores nunha sesión da Mesa da Madeira– é, en todo caso, o de diminuír as poboacións do gorgullo para facer máis eficaz a loita biolóxica, se ben aínda non se materializou nunha solicitude de tratamento.

Cómpre puntualizar ao respecto que á Xunta unicamente lle compete avaliar as peticións que poida recibir para emitir, no seu caso, a correspondente autorización administrativa que non é necesaria para os tratamentos desde terra, e insistir en que Medio Rural e Mar por iniciativa propia non contempla levar a cabo ningún tipo de tratamento aéreo co devandito produto antiquitinizante.

Aposta pola loita biolóxica
O único que veu facendo nos últimos tempos (e ten previsto continuar) a Consellería foi impulsar a loita biolóxica (non química) contra esta doenza. Neste sentido, esta primavera vaise incrementar –con respecto ao ano 2011– nun 164% o número de soltas de Anaphaes nitens, parasito natural e exclusivo de ootecas (ovos) de gorgullo. O obxectivo final deste sistema de loita é chegar a establecer un equilibrio entre as poboacións do insecto e as do seu parasito natural, reducindo con medios estritamente biolóxicos a poboación do primeiro por baixo do limiar da praga. É de destacar o contraste entre as 250.000 ootecas parasitadas que a Xunta de Galicia está colocando nos montes este ano, ás que se están engadindo outras tantas de promotores privados, fronte ás 19.000 que se colocaron no ano 2008.

No hay comentarios:

Publicar un comentario