A XUNTA E A FEDERACIÓN GALEGA DE VEHÍCULOS TODO TERREO COLABORARÁN NA LOITA CONTRA OS INCENDIOS FORESTAIS E NO FOMENTO DUN OCIO RESPONSABLE NO MEDIO RURAL - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

lunes, 15 de octubre de 2012

A XUNTA E A FEDERACIÓN GALEGA DE VEHÍCULOS TODO TERREO COLABORARÁN NA LOITA CONTRA OS INCENDIOS FORESTAIS E NO FOMENTO DUN OCIO RESPONSABLE NO MEDIO RURAL


§        A conselleira do Medio Rural e do Mar reuniuse con representantes deste colectivo para avanzar na cooperación en materia de voluntariado, loita contra o lume e fomento dun acceso controlado dos vehículos deportivos ás áreas forestais

 §  Membros de Traczion Catro de Barro asisten á reunión.

A Xunta e a Federación Galega de Vehículos Todo Terreo colaborarán na prevención e defensa contra os incendios forestais e no fomento dun ocio responsable no medio rural galego. Así o acordaron a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e representantes desta federación, nunha xuntanza de traballo á que tamén asistiu o secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto.

Nesta reunión sentáronse as bases para a futura sinatura dun convenio de colaboración entre ambas partes. Este documento desenvolverá diferentes vías de cooperación relacionadas con actividades de voluntariado, loita contra o lume e promoción dunha utilización sustentable e respectuosa coa normativa da nosa riqueza forestal desde o punto de vista lúdico e deportivo.

No eido do voluntariado, fomentarase a colaboración desta federación coas institucións en tarefas relacionadas coa xestión de emerxencias, partindo do coñecemento detallado que estes afeccionados teñen do monte galego e da idoneidade dos seus vehículos para axudar en labores de busca e rescate en caso de inundacións, desaparición de persoas, etc. Tamén para cooperar en todo o relacionado coa alerta e prevención de lumes.

Encaixe na normativa
Por outra banda, a Consellería e a federación colaborarán tamén no encaixe das actividades de ocio e lecer que desenvolve este colectivo co establecido polas leis de montes e de defensa e prevención de incendios en relación co uso sustentable do espazo rural. Trátase de promover un aproveitamento responsable desta riqueza garantindo un acceso controlado dos cidadáns ao monte, compatible coa protección do medio ambiente e o respecto aos dereitos dos propietarios forestais.

Nesta xuntanza de traballo estiveron presentes, por parte da Federación, o seu presidente, Oswaldo Couto (do Club Chin Power); o vicepresidente, José Cabanas (de Venados 4x4); o secretario, Manuel Doldán (do Club Remontes) e Roberto Santos (do Club Tracción 4 de Barro), ademais doutros representantes do colectivo. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario