'Movember', mes de bigotes e próstatas - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

domingo, 18 de noviembre de 2018

'Movember', mes de bigotes e próstatas



ADEMAIS DE ser o mes que alberga outras moitas causas sobresaíntes e indispensables, como o Día Internacional contra a Violencia Machista, o Día dos Dereitos do Neno, o Día dos Sen Teito, o Día Mundial das Vítimas de Tráfico ou o Día dos Prematuros, o de novembro é o mes dos bigotes e das próstatas. Así se supón que está escrito no calendario dos días de e meses de desde hai tres lustros, momento no que, ao principio, un reducido número de homes en Australia, e máis tarde centos deles en distintos puntos da xeografía internacional, decidiron sinalar a importancia da prevención con respecto aos problemas propios da saúde masculina como os cancros de próstata e testicular, a saúde mental ou os efectos perniciosos do sedentarismo.
A clave para entender esta proposta está no nome Movember, que combina o mes de novembro, inicialmente escollido por ser o que alberga no calendario o día sinalado de xeito apócrifo como Día Internacional do Home (o 19 de novembro, non recoñecido oficialmente por ningunha institución) coa palabra inglesa moustache, que significa bigote.
Precisamente a franxa de pelo sobre o beizo superior é o que designaron os promotores desta causa para simbolizar a existencia de problemas de saúde propios de xénero que padecen os homes e para os que tamén é necesario crear conciencia social, traballar na eliminación de tabús e promover a prevención.
Se noutras comunidades, principalmente en latinoamérica, están a loitar contra as taxas de cancro testicular en estadios avanzados con campañas de moito gancho como Tócatelas, Rascatest, Go balls ou Felling nuts, coas que se promove a autoexploración (clave para a detección temperá deste tipo de doenzas), en distintos países entre os que está incluído España, o bigote está a converterse nun símbolo da necesidade de informarse, examinarse ou consultar cos profesionais ante calquera sospeita de enfermidade.
Pero o Movember vén a estas páxinas non por ser un movement o social para derrubar a imaxe tradicional da saúde masculina e construír unha nova máis acaída aos tempos que corren, ou unha excusa para o marketing social implantado en todos os ámbitos, senón porque Damián Diéguez, un mozo barbeiro de Barro é un apaixonado defensor desta causa e con este suma catro anos animando aos seus amigos e clientes a converter o seu bigote en bandeira da saúde e a prevención.
A súa barbería transformouse nun centro de referencia de modernidade niso dos coidados masculinos e Damián defende que as novas estéticas mimadas e pulcras deben reflectir un interior concienciado no que a saúde o positivismo tamén son importantes. Este mozo xa en anos anteriores conseguiu contar por ducias os bigotudos que se sumaron ao evento, que el organiza en forma de comida de confraternización nun, no que parte do que se achega para pagar o prato se destina a doazóns para a investigación e as campañas de información deste movemento.
Nesta ocasión, mentras arregla o bigote de Ramón (na foto), un dos que serán participantes na cita, sinala que «esperamos xuntar a moita máis xente e, sobre todo, abrir o evento, a que participen tamén mulleres, nenos e nenas ou homes sen bigotes, porque no fondo trátase de apoiar a causa e visibilizala», relata, aínda que recoñece que se é cun bigote, e ben coidado, mellor que mellor.
A súa idea de reforzar o programa co que agasalla aos participantes, e, sobre todo, de ampliar o evento a público que pode estar desprovisto de pelos na cara parece dar resultado, porque conta con 94 inscritos para a cita, que se desenvolverá este domingo no restaurante A Eira. Haberá sesión vermú, música dun DJ e exhibicións na que os participantes bigotudos levarán premios pola súa orixinalidade ou o coidado do seu aspecto.

https://www.diariodepontevedra.es/articulo/sociedad/movember-mes-bigotes-prostatas/201811151819031009490.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario