A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade,
Ethel Vázquez, e a representante da asociación Stop Accidentes en Galicia,
Jeanne Picard, mantiveron hoxe unha reunión de traballo por videoconferencia
§ Lembran a importancia
de respectar as normas de circulación para evitar que o incremento de
desprazamentos incida de xeito drástico nas cifras de sinistralidade
§ Ethel Vázquez destaca
que se deben evitar distraccións ao volante, respectar a
distancia de metro e medio cando se adiante a un ciclista ou empregar elementos
reflectantes que aumenten a visibilidade de peóns e ciclistas nas estradas
§ Na reunión abordaron o desenvolvemento do convenio asinado
recentemente para
fomentar a cultura da seguridade viaria entre os escolares e as persoas maiores
§ No marco deste acordo, a Xunta someterá a información
pública no verán o proxecto dunha senda na contorna do CEIP de Santo André de
Xeve, en Pontevedra
§ Tamén se está a avanzar na definición de proxectos piloto para acadar un contorno
seguro en dous centros de día ou residencias de maiores no rural
A Xunta e a asociación Stop Accidentes apelaron hoxe a extremar as
precaucións nas estradas ante a reactivación progresiva da mobilidade e o
aumento dos desprazamentos, logo de meses de confinamento por mor da covid-19, co
fin de garantir a seguridade viaria.
A conselleira
de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe un encontro, por
videoconferencia, coa representante da Asociación Stop Accidentes en Galicia,
Jeanne Picard.
Na xuntanza
abordaron a situación derivada da reactivación paulatina da circulación que se
está a producir, tras as restricións xeradas polo confinamento por mor da covid-19,
e coincidiron na necesidade de que este incremento nos desprazamentos vaia
acompañado de condutas responsables por parte de todos os usuarios das estradas
para evitar un incremento drástico na sinistralidade.
Ethel
Vázquez referiuse á recente campaña de concienciación da Xunta lembrando que se
deben evitar distraccións ao volante, como o uso do teléfono móbil, respectar a
distancia de metro e medio ao adiantar a un ciclista, ou empregar elementos
reflectantes que aumenten a visibilidade de peóns e ciclistas, usuarios
vulnerables das estradas. O Goberno galego, en colaboración coa DXT e coa
Federación Galega de Ciclismo, vén distribuíndo chalecos e cortaventos
reflectores entre estes usuarios vulnerables.
Convenio de colaboración
Na xuntanza
tamén se abordou o convenio asinado recentemente entre a Xunta e a asociación
Stop Accidentes para fomentar a cultura da seguridade viaria, fundamentalmente,
entre os escolares e as persoas maiores.
Este acordo
recolle distintas actuacións, como a mellora da seguridade
na contorna do CEIP Santo André de Xeve, en Pontevedra, coa execución dunha
senda na estrada PO-223. Este proxecto someterase en verán ao proceso de
información pública.
A
Consellería de Infraestruturas, en coordinación coa Consellería de Política
Social, tamén está a avanzar na definición da segunda das actuacións recollidas no convenio con Stop
Accidentes: proxectos piloto para acadar un contorno seguro en dous centros de
día ou residencias de maiores do ámbito rural.
No marco
desta colaboración, tamén se está a traballar nun manual de seguridade viaria para
os usuarios do transporte escolar, tanto alumnos como acompañantes.
O cuarto
eixo do convenio inclúe a realización de talleres en colexios e centros de
maiores das 4 provincias para concienciar a estes colectivos sobre pautas de
mobilidade segura.
No hay comentarios:
Publicar un comentario