§ As delegadas
territoriais en funcións da Xunta en Pontevedra e Vigo, Ana Ortiz e Marta
Iglesias, presidiron a reunión do Comité provincial de Coordinación Policial
Antiincendios
As delegadas territoriais en funcións da Xunta en Pontevedra e Vigo,
Ana Ortiz e Marta Iglesias, presidiron hoxe a reunión do Comité provincial de Coordinación Policial Antiincendios para a campaña de alto risco de
incendios forestais que comezará, un ano máis, o vindeiro 1 de xullo. Este
órgano está formado por representantes das diferentes forzas e corpos de
seguridade do Estado presentes en Galicia, ademais da propia Xunta.
O obxectivo da xuntanza, na que tamén participaron membros
da Xefatura Territorial de Medio Rural, da Policía Autonómica, da Garda Civil,
da Policía Nacional, de Protección Civil e da Brilat, foi coordinar as actuacións que se levarán a cabo para previr os lumes
e loitar contra a actividade incendiaria. A xuntanza de traballo serviu para
ultimar os detalles da vixilancia, disuasión e control da actividade delituosa
incendiaria con vistas ao inicio da tempada de risco alto de incendios. Así,
consonte ao habitual nestas datas, estableceuse unha distribución dos
diferentes efectivos sobre o territorio, prestando especial atención a aquelas
áreas con maior incidencia deste tipo de actuacións.
A través deste comité faise un seguimento,
planificación e reforzo da coordinación das diferentes accións promovidas pola
Consellería do Medio Rural e os diversas forzas e corpos de seguridade do
Estado (fundamentalmente Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil)
para loitar contra a actividade delituosa incendiaria, especialmente nas zonas
con lumes recorrentes.
Así, durante a reunión, analizouse a situación das
Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) caracterizadas polo número de
incendios forestais reiterados (parroquias que tiveron unha media anual de 7 incendios ou máis nos últimos 5 anos) ou por unha gran virulencia dos
lumes declarados. Na provincia de Pontevedra existen na actualidade 2 PAAI (Valeixe
e Pontellas) en 2 concellos (A Cañiza e O Porriño).
O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia
(Pladiga) mantén este ano as súas liñas básicas de actuación, pero incorpora
algunhas novidades como a implementación dun completo e detallado plan de
prevención aprobado pola Administración autonómica, que suporá actuar en 46.000
hectáreas e en case 5.800 quilómetros de pistas e estradas galegas.
No marco deste comité, ambas delegadas
territoriales apelaron á responsabilidade dos cidadáns para que extremen as
precaucións e fixo un novo chamamento á cidadanía para que denuncie calquera
actividade delituosa que poida poñer en perigo a nosa riqueza forestal, xa que
reiterou que 3 de cada 4 lumes son intencionados.
Neste sentido, lembraron que a Xunta ten a
disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar
en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, destacou que existe un
teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa
incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.
“A coordinación policial, o despregue
do exército, os voluntarios, os propietarios, a colaboración cidadá, a chamada
gratuíta ao 085, as labores preventivas e o dispositivo de extinción, son algunhas das razóns que van a permitir a
consolidación, pouco a pouco, dun cambio de comportamento no que aínda queda
moito por facer para reducir os danos mediambientais dos lumes forestais”,
explicou Ana Ortiz.
Marta Iglesias engadiu que “dende a
Xunta solicitamos a colaboración cidadá neste verán, para a detección, coa fin
de intervir o mais axiña posible, á que xuntaremos a profesionalidade do
colectivo dos bombeiros forestais, que resulta moi eficaz despois de mais de 25 anos de experiencia”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario