§ Están programados cinco webinarios nos que se achegarán medidas hixiénico-sanitarias para a reactivación destes establecementos ante a covid-19
§ As accións comezarán o vindeiro 9 de xuño e o prazo de inscrición está aberto en www.turismo.gal/galiciadestinoseguro
A Consellería de Cultura e Turismo vén de abrir o prazo de inscrición das novas accións formativas gratuítas en materia hixiénico-sanitaria destinadas aos albergues do Camiño de Santiago que se enmarcan no programa Galicia destino seguro posto en marcha pola Xunta para a mellora da formación dos profesionais do turismo e favorecer a súa adaptación á nova realidade.
En total, durante este mes de xuño ofreceranse 500 prazas gratuítas para os profesionais da catro provincias a través dunha xornada na que se achegarán medidas hixiénico-sanitarias para a reactivación dos albergues ante a covid-19. A finalidade é orientar as actuacións dos albergues na fase de reactivación da actividade para garantir a saúde no ámbito laboral tanto das persoas traballadoras como dos peregrinos e turistas.
A primeira das accións celebrarase o martes 9 de xuño cun webinario especialmente dirixido aos albergues da provincia de Lugo. A seguinte data será o 12 de xuño, tamén para os albergues desta provincia. Para os situados na provincia da Coruña están previstas dúas datas: o 16 e o 18 de xuño. Finalmente, para os establecementos das provincias de Pontevedra e Ourense o webinario celebrarase o venres 20 de xuño.
En todos os casos cada webinario terá unha hora de duración e dará comezo ás 11,00 horas. A participación e gratuíta e o prazo está aberto no apartado de formación da páxina web www.turismo.gal/galiciadestinoseguro. O aforo máximo de cada unha destas accións formativas é de 100 prazas, por rigorosa orde de inscrición. Ademais, unha vez rematado o webinario durante 15 días, porase a disposición dos albergues un servizo de asistencia online, onde se dará resposta ás dúbidas específicas de aplicación de ditas medidas hixiénicas sanitarias.
Para guías profesionais e cámpings
Xunto á formación para albergues, tamén se vén de abrir o prazo para a participación en cursos formativos sobre medidas para redución de riscos hixiénico-sanitarios no contexto da covid-19 tanto para cámpings como para guías profesionais de turismo.
No caso dos guías profesionais as datas son o 12 e 13 de xuño, con 250 prazas para cada un dos días e con inscrición gratuíta por orde de inscrición. Os profesionais vinculados cos cámpings teñen tamén pechada a data, neste caso do 11 de xuño, para recibir esta formación gratuíta e voluntaria. En todos os casos o prazo tamén está aberto no apartado de formación de www.turismo.gal/galiciadestinoseguro. Está previsto que durante o mes de xuño se programen novas accións formativas sectorializadas para outros campos do turismo que serán publicitadas na mesma páxina web.
Ademais das actuacións recollidas neste plan de formación, o programa Galicia destino seguro complétase con medidas de asesoramento e apoio económico ás empresas turísticas galegas para a súa adecuación ao contexto actual
No hay comentarios:
Publicar un comentario