―
O obxectivo é estimular a práctica oral do
alumnado de 6º de Primaria a 4º de ESO en lingua inglesa, co apoio de
profesorado nativo, e fomentar a convivencia
―
O programa desenvolverase do o 16 de abril ao
17 de xuño nun centro residencial en Galicia, de domingo a sábado
―
É unha das accións previstas na Estratexia
Galega de Linguas Estranxeiras 2030
Preto de 1.500 estudantes de 69 colexios e institutos de
toda Galicia participarán esta primavera no programa de estadías lingüísticas Spring Week, que se desenvolverá entre o 16 de abril e o 17
de xuño de 2023. O listado de datas e
colexios participantes (a razón de 28 da provincia da Coruña, 13 de Lugo, sete
de Ourense e 21 de Pontevedra) pode consultarse no Portal Educativo.
O programa, que está
dirixido a estudantes de 6º curso de Educación Primaria e de toda a etapa de
ESO de centros públicos que o solicitaran, desenvolverase nun centro residencial
situado en Galicia durante sete días e ten como obxectivo a estimulación da
práctica oral da lingua inglesa e a súa utilización en contextos comunicativos
máis amplos que os que permite a contorna escolar.
Durante a estadía, que se realizará en quendas semanais de domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá, o alumnado contará co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa. As actividades fomentarán a convivencia e xirarán arredor de temáticas de interese cultural, social, artístico e medioambiental.
A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa e promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sostibilidade e o coñecemento da contorna (enerxías renovables, produción e consumo responsable, cidades sostibles, acción polo clima...), segundo se recolle nos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.
Este novo programa enmárcase na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2030. Dotada con 83M€ ata 2025, esta liña de acción prioritaria da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades busca consolidar os programas de éxito desenvolvidos na última década e incorpora novas accións para maior especialización en idiomas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario