Os interesados en facerse cunha destas bolsas poderán presentar as súas
solicitudes ao longo do próximo mes
· A Xunta de Goberno tamén aprobou a
prórroga por 6 meses máis das 500 primeira bolsas concedidas para prácticas en
empresas
A Deputación de Pontevedra convocará as novas bolsas de práctica laboral en
empresas nos primeiros días de xullo. Así o anunciou esta mañá o presidente da
Administración Provincial, Rafael Louzán, que subliñou que na semana próxima se
procederá á selección definitiva das empresas e, unha vez pechada esta
selección e coñecido o perfil dos bolseiros que demandan, se sacará a
convocatoria para mozos e mozas titulados que desexen acollerse a esta
iniciativa.
Os titulados universitarios e de formación profesional que desexen
acollerse a esta convocatoria disporán de todo o mes de xullo para presentar as
súas solicitudes. Deberán ter rematado os seus estudos despois do 1 de xaneiro
de 2005, carecer de experiencia laboral previa na titulación na que van
realizar as prácticas e non poderán ser beneficiarios na actualidade de ningún
dos plans de práctica laboral postos en marcha pola Deputación.
Lista de empresas admitidas
Na vindeira semana farase pública a lista de empresas admitidas e excluídas
deste plan, así como o número de bolsas que se lle concederá a cada unha.
Con estes datos, elaborarase a convocatoria para mozos e mozas titulados,
tendo en conta as titulacións e perfís que demandan ás empresas.
O obxectivo é, segundo indicou o presidente da Deputación na rolda de
prensa posterior á Xunta de Goberno, que os aspirantes a estas bolsas dispoñan
de practicamente un mes para a presentación de solicitudes, para realizar a
posterior selección nos meses de xullo e principios de setembro e que “en
setembro-outubro poidan estar traballando”.
Prórroga das 500 xa en marcha
Estas bolsas sumaranse ás 500 xa concedidas no primeiro plan de práctica en
empresas e que permitiu que outros tantos mozos e mozas comezasen a traballar o
primeiro día hábil de xaneiro en diferentes empresas e entidades da provincia.
Esas bolsas, que remataban este 30 de xuño, foron prorrogadas pola Xunta de
Goberno por outros seis meses, de forma que “eses 500 mozos e mozas van
traballar ata final de ano e agardamos que de aí saia a súa continuidade no
mercado laboral, ben na mesma empresa ben noutra na que poidan estar
traballando”.
“Cumprimos cos que están –asegurou Rafael Louzán– e dámoslle unha nova
oportunidade aos que poidan vir” coa nova convocatoria de prazas que se abrirá
agora.
O titular da deputación cualificou estes plans como “moi necesarios, porque
son moitas as persoas con formación que non teñen esa primeira oportunidade
laboral”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario