Súmase ás xornadas de información que nestes días se
levan a cabo a nunha vintena de concellos da provincia
· Abriranse 10 en toda a provincia
· Técnicos especialistas analizarán caso a caso e
orientarán aos usuarios sobre o tipo de contrato que máis lle convén, a tarifa
máis axeitada ou se a potencia contratada se axusta ás súas necesidades
Pontevedra acollerá
a partir de setembro unha das 10 oficinas que a Deputación de Pontevedra e a
Unión de Consumidores de Galicia porán en marcha noutros tantos concellos da
provincia co obxectivo de orientar e asesorar de forma individualizada a todos
os interesados sobre a factura eléctrica e as medidas concretas que pode
adoptar para reducir o seu recibo.
Así o
anunciaron esta mañá Rafael Louzán, presidente da Deputación, e Miguel López, secretario
xeral da Unión de Consumidores de Galicia, nunha rolda de prensa na que anunciaron
a posta en marcha dunha campaña que, baixo o título Electricidade: un camiño cara ao aforro, pretende poñer algo de luz
no complexo mercado eléctrico actual.
Campaña en dúas fases
A campaña
constará de dúas fases: unha primeira, en marcha neste momento, que consiste
nunha vintena de sesións informativas noutros tantos concellos da provincia, na
que técnicos da Unión de Consumidores ofrecerán información sobre
temas como: conceptos polos que se paga nunha factura de electricidade; as
diferenzas entre o mercado libre e o mercado regulado e como saber cal convén
máis; así como criterios para elixir o contrato, a tarifa ou a potencia que
mellor se adapte á situación de cada consumidor e, en consecuencia, lle resulte
máis económica.
A segunda fase
consistirá na apertura –no mes de setembro- dunha decena de oficinas en todas
as comarcas da provincia, para atender de forma personalizada aos usuarios que
así o desexen. Trátase de que os técnicos da Unión de Consumidores analicen
caso por caso e orienten aos consumidores nese “camiño cara o aforro” que dá
título á campaña.
As oficinas
abriranse en Lalín, A Estrada, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra,
Cangas, Redondela, Ponteareas, Vigo e Tui.
Desconcerto
Neste sentido,
o presidente da Deputación subliñou que se trata “de dar
resposta a un dos problemas que máis preocupa aos cidadáns desta provincia
nestes momentos, como é todo o referido á factura eléctrica”.
Así, lembrou que “se xa nos resultaba difícil entender qué nos cobraban en
cada recibo, qué facer para que non siga medrando de forma exponencial... os
últimos cambios normativos están provocando unha situación de gran desconcerto”
que fai que sexan moitos os usuarios que teñen “múltiples dúbidas, desde se é
preciso facer algún trámite para adaptar os nosos contratos ao novo cambio
normativo, ata se é preciso cambiar o contador, pasando por canto se vai pagar,
que tarifa é a mellor….”.
A tranquilizar e aclarar estas dúbidas non axudan precisamente, tal e como
indicaron tanto o presidente da Deputación como o secretario xeral da Unión de
Consumidores, as cartas, chamadas e demais comunicacións que están a realizar
as compañías eléctricas.
De feito, Miguel López cualificou de “brutalmente agresivas” as
técnicas comerciais que están empregando as comercializadoras do mercado libre,
tratando de atraer aos clientes con advertencias de que se lles remata o prazo
para asinar un novo contrato cando, en realidade “o usuario non ten que facer ningún
cambio de contrato”.
Louzán destacou que é, precisamente, esta situación de desconcerto e de
desconfianza xerado o que fai necesario “poñer en marcha un programa de
actividades formativas e de asesoramento” que dean lugar a que “decenas de
miles de pontevedreses” se poidan beneficiar dunha redución na súa factura enerxética.
4 eixes para o aforro
Unha redución que virá, segundo indicou Miguel López, por 4 vías:
1º.- O tipo de contrato: para o cal tanto nas xornadas informativas como,
sobre todo, nas oficinas de asesoramento, os técnicos da Unión de consumidores
informarán sobre o contrato que máis se adecúa ás características do fogar
e se lle convén máis o mercado regulado ou o mercado libre.
2º: Tipo de tarifas,
de forma que o usuario poida saber se a tarifa que ten contratada é a que máis
o beneficia ou se sería beneficioso cambiala.
3º.- Potencia: buscando
que a potencia contratada se axuste á realmente utilizada polo cliente, dado
que son moitos os casos nos que a potencia contratada é maior da necesaria e
iso pode supor unha carga económica notable que non ten por qué estarse
pagando. Neste sentido, Miguel López incidiu en que os contadores dixitais permiten
saber con facilidade cal é a demanda real de potencia e esa debe ser a
contratada. “Unha rebaixa dun tramo de potencia implica 61 euros ao ano menos
en impostos engadidos”, asegurou.
4º.-
Equipamento: que só debe cambiarse cando o que exista remate a súa vida útil,
dado que do contrario non compensa.
Sensibilidade da Deputación
Miguel López
quixo tamén agradecer o compromiso da Deputación e a súa “especial sensibilidade”
cos problemas que máis preocupan aos cidadáns, dado que este tipo de
iniciativas fai posible que moitas persoas que doutra forma non saberían a onde
acudir, poidan resolver os seus problemas. Unha sensibilidade que Rafael Louzán
estendeu coas alcaldes, cos que abordou a posta en marcha destas xornadas.
Actividades na comarca de
Pontevedra
Ademais da
oficina de asesoramento individualizado que se abrirá na sede da Deputación, no
Edificio Administrativo, no mes de setembro, os veciños e veciñas da comarca e
dos concellos do contorno poderán obter información sobre a situación actual do
mercado eléctrico nas 3 xornadas informativas que se van desenvolver nestes
días.
A primeira
delas terá lugar hoxe mesmo, as 19,30 horas, no Centro Cultural de Ponte
Caldelas. Seguiralle outra o 26 de xuño en Marín, na Biblioteca Municipal e ás
19,30 horas; e outra, en data aínda pendente de pechar, na sede da Deputación
en Pontevedra, no Salón de Actos do Edificio Administrativo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario