O Decreto que desenvolve a Lei 4/2013 entra
en fase de información pública a través do Portal de Transparencia da
Administración autonómica e se abre o trámite de audiencia cos sectores
implicados
§
A norma aposta pola redución de trámites e a coordinación
entre administracións ao consolidar a solicitude única para a obtención de
licenza municipal e autorización interurbana
§
Establécese unha relación de dereitos e deberes dos usuarios
e dos profesionais do taxi e se regula a contratación do servizo, a
concertación do mesmo por vía telemática e o arrendamento de vehículo con
conductor
§
A lexislación tamén detalla e completa o réxime de
infraccións e sancións e o procedemento sancionador contido na lei
§
O regulamento será de gran importancia para un sector que
dá traballo a máis de 3.500 profesionais do taxi e que afecta a outros 140
vehículos dedicados á actividade de arrendamento con condutor
A Consellería de Infraestruturas
e Vivenda vén de iniciar a tramitación do regulamento do taxi e do arrendamento
de vehículo con condutor, que se materializará a través dun decreto que
concreta as condicións legais para o exercicio desta actividade en Galicia. O
texto que desenvolve a Lei 4/2013 abre a súa fase de información pública a
través da súa exposición no Portal de Transparencia da Administración
autonómica ao tempo que se dá comezo ao trámite de audiencia cos sectores
implicados nesta actividade. No seguinte enlace pode consultarse o documento: http://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-en-tramitacion/en-prazo-de-envio-de-suxestions/-/nt/0106/proxecto-decreto-polo-que-aproba-regulamento-lei-transporte-publico-persoas-vehiculo.
No ano 2013 entrou en vigor a Lei de
transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, que regula as
actividades de taxi e de aluguer de vehículos de turismo con condutor. Respectando
os principios de universalidade e accesibilidade que deben presidir todo
transporte público, esta norma incorporou unha serie de melloras orientadas a
garantir o mantemento do servizo, ao tempo que estableceu ferramentas para
modernizalo e incrementar a súa eficacia. As previsións xerais contidas nesta
norma precisan dun desenvolvemento regulamentario posterior que as concrete e
detalle a súa aplicación.
Nesa liña, o Goberno galego aprobou xa o
decreto que disciplina o funcionamento da Comisión Especial de Transporte
Público en Vehículos de Turismo, creada pola lei, así como a orde pola que se
regula o Rexistro de Títulos Habilitantes para prestar servizos de taxi en Galicia.
O decreto que inicia agora a súa tramitación vén
constituír un paso máis no desenvolvemento da Lei. Para elaborar o borrador, analizáronse
polo miúdo todos os procedementos que se establecen na norma e fíxanse as
especialidades, así como o réxime xurídico de exercicio da actividade do taxi e
do arrendamento con condutor.
Así mesmo, o texto tamén matizará e completará
o réxime de infraccións e sancións e o procedemento sancionador contido na lei.
Deste xeito, o regulamento concíbese como a norma xeral de referencia para a
actividade de transporte público en vehículos de turismo de Galicia.
A norma aposta pola redución de trámites e a coordinación entre
administracións ao consolidar a solicitude única para a obtención de licenza
municipal e autorización interurbana.
O decreto tamén afonda nos dereitos e deberes dos
profesionais, completando os que xa viñan establecidos na lei, e incorpora como
novidade tamén unha recompilación de dereitos e deberes dos profesionais do
taxi. Así mesmo, tamén se regulan as condicións de contratación do servizo, a
maneira de concertalo de maneira telemática e a actividade de arrendamento con
condutor.
No hay comentarios:
Publicar un comentario