§
A directora xeral de Patrimonio Natural avanzou que unha das novidades
que recolle a orde de danos por lobo é que se fixa unha cantidade compensatoria
para as reses que sobrevivan a un ataque pero que a consecuencia do mesmo
sufran un aborto
§
Adianta que o Diario Oficial de Galicia publicará mañá as dúas
convocatorias de axudas para indemnizar aos afectados polos danos sufridos polo
lobo e xabaril, cun importe de 350.00 e 811.000 euros, respectivamente
§
A terceira liña de subvencións (prevención de danos) sairá publicada no
DOG o vindeiro 8 de xaneiro e incrementa o seu orzamento nun 20% respecto da
última convocatoria
§
Salientou que se está a traballar nunha norma para regular a
comercialización da carne da caza maior silvestre como medida de impulso do
aproveitamento cinexético
A Xunta de Galicia publicará mañá, venres 21
de decembro, a orde de axudas pola que se establecen as subvencións para paliar
os danos que provocan as especies silvestres sobre os cultivos agrarios (no
caso do xabaril) ou nas explotacións gandeiras (no caso do lobo). A directora
xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, explicou que o Diario Oficial de
Galicia recollerá mañá a convocatoria destas dúas liñas de axudas que, xunto
coa orde de prevención de danos que se publicará o vindeiro 8 de xaneiro, suman
un importe global de máis de 1,4 millóns de euros.
A directora
xeral, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José
Manuel Balseiro, recordou que -tal e como xa trasladou a conselleira de Medio
Ambiente, Territorio e Vivenda- un dos principais focos de traballo da
Consellería de Medio Ambiente son os danos que a fauna silvestre causa tanto
nos cultivos agrícolas e explotacións gandeiras, como nas zonas perirubanas.
Explicou que
unha das novidades que recolle a orde de axudas por danos de lobo é que se
compensará o aborto que sufran as reses, no caso de que sexan atacadas por un
lobo e sobrevivan ao ataque, pero que a consecuencia do mesmo perdan a súa
cría. Deste xeito, a cantidade compensatoria por cada aborto corresponderá a un
75% do valor (tendo en conta a clase e idade) no caso de especies de gando
ovino e cabrún e dun 50% do valor no caso do resto das especies de gando. No
caso de parto múltiple, compensarase por cada un dos animais abortados.
A liña de
axudas de danos por lobo increméntase nun 25% -respecto da anterior
convocatoria- e o orzamento total destinado é de 350.000 euros. Con esta contía
sufragaranse os danos -denunciados a través do 012 e constatados- producidos
entre o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de setembro de 2019.
A directora
xeral tamén destacou que o importe destas axudas increméntase nun 30% cando
afecte a gando pertencente a explotacións gandeira situadas en determinados
concellos que sofren mais danos e nun 10% no caso daquelas explotacións nas que
se comprobe a aplicación de determinadas medidas preventivas fronte aos ataques
do lobo. Ao igual que as convocatorias anteriores, as persoas beneficiarias son
as persoas físicas ou xurídicas, e titulares de explotacións gandeiras
inscritas no REGA (Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia).
Esta orde de
axudas súmase aos máis de 1,7 millóns de euros, que o Goberno galego ten
destinado desde o ano 2010, para compensar os danos provocados por esta especie
silvestre; que desde ese ano ata a actualidade atacou a case 11.500 animais,
sendo o ovino o máis afectado (7.455).
Danos por
xabaril
A
Consellería de Medio Ambiente convoca novamente a orde de axudas por danos de
xabaril, que neste exercicio conleva un importe de 811.000 euros, un 35% máis
respecto da anterior convocatoria, para compensar os danos que se comuniquen a
través do 012 desde o 1 de xaneiro ata o 10 de outubro de 2019, co fin de
abarcar os dous períodos máis críticos, como son a sementeira e recollida do
millo.
Poderán
optar a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas e titulares de
explotacións agrarias onde se constaten os danos aos cultivos agrícolas e
inscritas no Rexistro de explotacións agrarias de Galicia ou de autoconsumo.
Cada expediente será único e comprenderá todos os danos producidos polo xabaril
a unha mesma persoa beneficiaria antes da colleita.
A nova orde
para o ano 2019 eleva a case 3 millóns de euros os investimentos destinados
pola Xunta a compensar os danos por xabaril na totalidade de convocatorias
desde o ano 2006.
A directora
xeral indicou que o Goberno galego é completamente consciente do alcance desta
problemática, polo que se incide na posibilidade do establecemento de medidas
de control que podían ser solicitadas ao longo de todo o ano nos Tecor (terreos
de réxime cinexético especial) polas sociedades de cazadores e nos terreos de réxime
de aproveitamento cinexético común pola persoa ou persoas prexudicada polos
danos detectados, ou ben o concello, cando os danos sexan xeneralizados.
Do Campo
indicou que como novidade en 2018 introduciuse a posibilidade de autorizar
batidas con fins preventivos en determinadas zonas conflitivas e na que se
constataron danos reiterados e tamén se aplicaron medidas específicas en
determinados espazos naturais, para o seguimento das poboacións de xabaril
mediante fototrampeo e do emprego de métodos selectivos de captura (gaiolas
trampa), ao non estar nestas zonas permitida a caza.
A directora
xeral de Patrimonio Natural indicou que o Goberno galego está a traballar na
elaboración dunha norma autonómica para regular a comercialización da carne de
caza maior silvestre, como medida de impulso do aproveitamento cinexético das
pezas abatidas. Así, o Goberno galego, a través das Consellerías de Medio
Ambiente, Sanidade e Medio Rural, promove un decreto que conterá a regulación
sanitaria para a introdución na cadea alimentaria das pezas de xabaril abatidas
durante as cacerías (tanto dos xabarís cazados durante o período hábil de caza
como os abatidos por danos). Segundo as cifras que manexa a Dirección Xeral de
Patrimonio na última tempada de caza capturáronse case 16.200 exemplares en
case 21.400 batidas autorizadas.
Orde de
prevención
A directora
xeral de Patrimonio Natural aclarou que a terceira liña de axudas para facer
fronte ao conflito derivado dos danos ocasionados pola fauna silvestre sobre os
cultivos agrarios ou as explotacións gandeiras é a orde de prevención dos danos
que ocasiona a fauna silvestre, cun importe de 300.000 euros, un 20% máis
respecto da última convocatoria.
Serán
obxecto desta subvención a adquisición de cans defensores e protectores do
gando, pastores eléctricos, mallas electrificadas, e como novidade a
instalacións de valados fixos electrificados, para prever os danos provocados
por determinadas especies de fauna silvestre (lobo e xabaril).
Esta orde
sairá publicada no Diario Oficial de Galicia o vindeiro 8 de xaneiro e poderán
ser beneficiarias -no caso de danos por lobo- as persoas físicas ou xurídicas
titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún,
porcino da raza celta e equino, que figuren incluídas no REGA; e -no caso do
xabaril- as persoas físicas ou xurídicas que exercen a actividade agraria e
estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e as
explotacións agrarias de autoconsumo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario