ESTEBAN BATALLÁN, TROMPETISTA DE BARRO "Bos hai moitos. O importante é que para brillar non tes que apagar a ninguén" - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

martes, 11 de diciembre de 2018

ESTEBAN BATALLÁN, TROMPETISTA DE BARRO "Bos hai moitos. O importante é que para brillar non tes que apagar a ninguén"



Trompetista. Este é o oficio cara o que correu Esteban Batallán desde que con seis anos tocou por primeira vez ese instrumento na escola da Banda Xuvenil de Barro. En novembro, tras tres décadas premendo os pistóns das trompetas, conseguiu un soño: tocar como principal invitado nunha das máis destacadas orquestras sinfónicas do planeta

Se hai un ídolo para Esteban Batallán, -o veciño de Barro que destaca como trompetista solista no panorama a música filarmónica internacional-, ese é Adolf Herseth, o que fora trompeta solista da Chicago Symphony Orchestra durante 53 anos, desde 1948 ata o 2001. Batallán cumpriu hai apenas uns meses o seu soño de tocar nesa mesma orquestra, pero non foi un momento fugaz, senón ao contrario: esta formación, que está entre as dez mellores do mundo segundo a revista Gramophone, contará co de Barro para algunhas das súas actuacións deste ano. O mozo, que se iniciou na Banda Xuvenil da súa vila e desenvolveu gran parte da súa aprendizaxe musical na Banda de Pontevedra alternará esas intervencións co traballo na Hong Kong Philarmonic Orquestra.
Nunha entrevista para este mesmo xornal, en xuño de 2016, confesou que a Chicago Symphony Orchestra, na que xa quedara finalista nunha proba en 2003, era, para vostede, a mellor orquestra do mundo. Agora é Principal Invitado alí. Como o conseguíu
Presenteime de novo a unha audición o día 15 de xuño de 2017. De todos os asistentes á primeira fase da proba, que foi en tres días diferentes (27 maio, 5 xuño e 15 xuño) o único en pasar á proba final fun eu. Na final uníronseme tres invitados directamente polo director, o mestre Muti: o solista de Atlanta, de Washington e de San Francisco. Este último foi tamén gañador da audición. Despois da proba agardei entre bastidores porque membros do tribunal querían falarme e saudarme. Recordo ese momento como máxico. A xente que desde pequeno vira en vídeos, e escoitara en discos estaba alí, ao meu carón, saudándome e dándome a noraboa pola proba. Pasaron meses nos que a orquesta probou outra xente invitada polo mestre Muti e non gustaron. Despois de moito papeleo de visados e xestións, finalmente en xuño de 2018, un ano despois, puiden volver a Chicago a tocar con eles.
Adaptación a Hong Kong
"Adáptome a calquera sitio. Unha tortilla pode facerse en calquera parte, ou cocer un polbo"
Ademais, puido facelo no mesmo posto que o seu trompetista máis admirado...
Si. Cando cheguei e me sentei na silla de Adolph Herseth, que foi o trompeta solista da Chicago Symphony desde 1948 ata 2001, o trompetista que marcou a miña forma de tocar, quedei pensando de que aquel soño que tantas veces imaxinara se facía realidade. Actualmente son o que se chama principal invitado da orquestra. Farei varias semanas con eles este ano, entre as que haberá dous tours internacionais con Muti.
A causa diso vén de deixar a que foi a súa alma mater por moitos anos, a Orquestra Ciudad de Granada. Canto tempo estivera nesa formación?
Estiven 16 anos alí, desde 2002 ata 2018. Tamén tiven unha excedencia no 2015 para ir a Milán ao Teatro della Scala. O motivo para irme foi meramente profesional, nesa orquestra non podía seguir medrando como músico. Vía que estaba ben, pero moi estancado. Prosperar como profesional era pouco probable dada as súas características, nunha orquestra clásica o repertorio é limitado.
Que atopa de menos da formación granadina?
Realmente, nada, porque estou traballando nas mellores orquestras do mundo, cos mellores directores e cos mellores solistas. Podo afirmar que teño saudade de moita xente da propia formación e do entorno granadino.
Orixe nunha banda no rural
"Sempre teño presente que este camiño empezou, nunca mellor dito, no camiño. Fixen moitos pasarrúas"
Ademais da Chicago Synphony está na Hong Kong Philarmonic Orchestra. Como foi ese outro salto?
Estaba traballando na Scala de Milan entre marzo e maio deste ano e recibín unha invitación para un pequeno trial de dúas semanas cunha proba na orquesta. Eles tamén buscaban un trompeta solista. Pareceume unha gran oportunidade para traballar con Jaap van Zweden. Ademais de recibir a súa invitación, vin que sería marabilloso poder ir a Hong Kong, onde non estivera. Era unha experiencia que cría que non podía deixar pasar. Estiven dúas semanas alí antes de voar a Chicago a primeira vez. Fixen unha proba privada e ofrecéronme o posto se eu estaba interesado, dado que eles sabían que estaba en consideración para un posto en Chicago. En realidade, o motivo polo que me invitaron foi ese, porque se soubo que "había un español que gañara a audición de Chicago Symphony Orchestra". Fun moi franco: díxenlles que non podía aceptar inmediatamente, aínda que estaba interesado. Despois de tres semanas, nas que xa souben as fechas nas que Chicago quería contar comigo, aceptei o posto e comecei a organizar todo para deixar Granada, moverme a Hong Kong e desde alí atender os meus compromisos tanto en China como en América.
Cóntenos algo de Jaap van Zwedwn, que ademais está ao cargo da New York Philarmonic.
Van Zweden é un dos directores actuais máis emerxentes. Holandés de nacemento, entrou como concertino, sendo o máis xove ata o momento, na Royal Concertgebouw de Amsterdam nos 80. Decidíu deixar o seu posto e adicarse en pleno á dirección despois de que Leonard Bernstein vira nel potencialidade para ser un gran director. Estudou en Julliard School (New York) e, pouco a pouco, foi dirixindo formacións como a Hong Kong Philharmonic, Dallas Symphony ou Radio de Holanda (Radio Filharmonisch Orkest), ata que, desde esta temporada, é o director da New York Philharmonic. É un portento, ten moito carácter, pero saca o mellor do son orquestal.
Hai posibilidades de que o vexa mos na formación neoryorkina?
Nunca se sabe, pero de momento non hai nada.
Nesta sucesión de paradas internacionais, quédanos algunha por comentar?
Este verán tamén asistín como invitado ao Festival de Gstaad en Suiza e actuei tanto coa orquestra como de solista, interpretando o concerto de Hummel para trompeta e orquestra. Ademais veño de facer unha masterclass na Roosevelt University de Chicago.
Aceptei o posto en Hong Kong porque me pareceu unha gran oportunidade para traballar con Van Zweden"
Pódese dicir que deu un salto cualitativo, ou as experiencias anteriores estaban xa nesta órbita de estrelas do mundo da música clásica?
A verdade é que o salto foi cualitativo pero as anteriores ocupan un lugar internacional importante tamén. Neste último ano, pasei de ser coñecido a nivel nacional a un status máis internacional. As experiencias que mantiven con anterioridade en orquestas como Royal Concertgebouw de Amsterdam en 2010, ou Royal Philharmonic de Londres no 2014, así como Teatro alla Scala de Milan nos anos 2015 e 2018, que é un dos máis famosos teatros de ópera do mundo, non quedan atrás. Pero para min, a Chicago Symphony sempre foi o top 1.
Visto o nivel de traballo que tivo en 2018, que lle pide a 2019? Volver a España?
Pois que siga o traballo e que veña máis! Hai que aproveitar os momentos e agora estou realizando os soños que sempre tiven! Non se sabe o que pode suceder, pero non me vexo de volta nun curto prazo de forma estable.
Sempre se pregunta a músicos do seu nivel que fan para levar a presión dun traballo tan esixente? Como son as súas rutinas?
Bueno, a eses cambios, chega un punto que te acostumas cada vez máis rápido. Desde moi novo me acostumbrei a viaxar ou vivir fóra da casa, co cal non é un problema aínda que os viaxes agora sexan máis longos e as culturas máis diferentes. Seime adaptar. No referente á trompeta, manteño unha rutina de práctica diaria do instrumento con días de descanso intercalados. Non direi que non é complicado, porque si que o é, sobre todo cos cambios horarios ou os jetlags porque podemos saír de Hong Kong as 11.30 da mañá, e chegar a Chicago as 13.30 do mesmo día despois de atravesar o Pacífico en 15 horas de voo... Pode non ser o máis sano para o corpo, pero, é o momento de facelo, e sempre estou feliz de afrontar o que me aparece no camiño.
Como leva a inmersión na vida e cultura chinesa? Algo que bote de menos do estilo de vida de España ou Galicia?
Adáptome moi ben a todo, a min gustame a comida asiática en xeral e, como digo eu, unha tortilla pódese facer en calquera sitio e cocer un polbo tamén. Pode que non sexa o mesmo, pero aí é onde nos adaptamos (risas).
Que lembra dos seus comezos no mundo da música, cando era un cativo e o apuntaron na Banda de Xuvenil de Barro? Imaxinaba que de aí se podía chegar a unha filarmónica?
Pois nunca o imaxinei a verdade, pero a medida que me facía grande soñaba moito. Sempre me gustou soñar co estrellato. Meu pai foi sempre un apaixoado da música. Apuntáronme na escola de música en Barro e comecei ao mesmo tempo a estudiar co que sería o meu maestro sempre, Javier Viceiro. Pouco a pouco foron aparecendo novas cousas, empecei no conservatorio en Pontevedra, despois na Banda de Pontevedra. Moldes cría que, con 11 anos podía facer algo na banda. Despois viñeron concursos, Juventudes Musicales de España, a Joven Orquesta Nacional de España, máis concursos, gañei a miña plaza en Granada no 2002 con 18 anos, e seguiron vindo máis cousas... Pero sempre teño presente que ese camiño, nunca mellor dito, empezou no camiño... Teño feito moitos pasarrúas e alboradas, e iso, non se olvida.
Aínda que xa sei que vai respostar que compensaron... Cantas horas, días e semanas ten que adicar un a pulir o seu traballo de mozo para poder chegar á madurez musical?
O traballo de neno e de mozo é o máis importante, cando un se está formando, pero as horas e días nunca se acaban. É un traballo que non se entende sen unha adicación e unha paixón diaria. Require perfeccionamento constante. Eu compároo coa vida dun médico, que sempre está investigando e sempre hai novas técnicas de operar ou novos tratamentos. Para nós é igual, pero coa diferenza de que a música é emoción e sentimentos e sensacións que hai que transmitir e ten que chegar ao oínte, de aí que sexa, non máis dificil que unha carreira de médico, pero si algo un tanto distinto.
Séntese un tipo envexado?
Para nada me sinto envexado. Manteño o contacto con todo o mundo, son unha persoa que sei sempre de onde veño e nunca esquezo por onde paso. Moitos dos meus amigos máis próximos senten a mesma emoción ca min con estes logros, co que non podo decir envexado, senón arroupado e incluso admirado.
E podemos dicir que é vostede o mellor trompetista español que hai no momento?
Como sempre dixen, en realidade bos somos moitos, e o importante e aprender que, para brillar non tes que apagar a luz de ninguén.

https://www.diariodepontevedra.es/articulo/comarca-de-pontevedra/esteban-batallan-bos-hai-moitos-importante-brillar-non-tes-apagar-ninguen/201812101516061013124.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario