O
prazo de inscrición comeza hoxe e rematará o vindeiro 18 de xaneiro de 2019 e
as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos
Tras
a publicación onte no BOPPO das bases do programa Musigal 2019, todos os grupos
e artistas musicais profesionais con domicilio social en Pontevedra poden presentar
xa as súas solicitudes de inscrición. Nesta segunda edición do programa, as
solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do
formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de
Pontevedra: https://sede.depo.gal. O prazo de solicitudes para
grupos e artistas rematará o 18 de xaneiro.
O
Musigal, que fora un programa de nova creación ao abeiro do Ano da Lingua de
2018, será unha das iniciativas máis representativas do Ano da Música de 2019.
Este programa conta cunha dotación orzamentaria de medio millón de euros e pretende promover que os concellos conten
con apoios para contratar música profesional galega e en galego ao longo do
vindeiro exercicio. O prazo para que os concellos soliciten actuacións rematará
o 8 de febreiro.
Segundo
as bases da convocatoria, poderán inscribirse no Musigal unicamente artistas e
grupos musicais profesionais con domicilio social en Pontevedra, que aborden de
xeito específico contidos sociolingüísticos e de dinamización da lingua galega
e que nos seus concertos fagan música en galego ou, no caso de ser
instrumentais, que as súas pezas sexan de autoría galega. As bases manteñen as
seis categorías da edición anterior: ‘Son muller’, na que poden inscribirse
grupos nos que polo menos o 60% das persoas integrantes e a vocalista sexan
mulleres; “Son crianza” para grupos con espectáculos dirixidos ao público
infantil e familiar; “Son mocidade” para grupos nos que polo menos o 60% das
persoas integrantes sexan menores de 35 anos; “Son tradición” para grupos de
música tradicional galega; “Son clásico” para grupos de música clásica que
teñan no seu repertorio composicións de autores galegos; e “Son actual” para
grupos de pop, rock, hip hop e música electrónica. Cada grupo musical
profesional ou entidade presentará unha única solicitude de inscrición na que
indicará a categoría na que desexa inscribirse.
Na
documentación que os grupos deben achegar inclúense aspectos como a descrición
do espectáculo, acreditando o emprego do galego como mínimo no 70% das obras
musicais que se interpretan; as necesidades técnicas; e o importe do
espectáculo, que será fixado libremente polos grupos e intérpretes, especificando
que parte corresponde ao caché da actuación e cal ao custo do equipamento
técnico. O número máximo de actuacións que poderá realizar cada grupo ao abeiro
deste programa será de cinco.
Pola
súa banda, os concellos poderán realizar
as súas solicitudes antes do 8 de febreiro e só se lle concederá unha única
actuación, mais na solicitude poderán indicar ou sinalar ata un máximo de tres
grupos por orde de preferencia, e farán constar o nome do grupo ou artista, a
data e o lugar fixados para levar a cabo a actuación. A actuación concedida
será cofinanciada ente a Deputación e os concellos. O organismo provincial
asumirá o caché do espectáculo do grupo ou artista, mentres que o concello
aboará a produción da actuación: equipos de son, luz, escenario e demais medios
necesarios para o desenvolvemento da actuación.
Pontevedra,
21 de decembro de 2018
Saúdos
Gabinete
de Prensa
No hay comentarios:
Publicar un comentario