O persoal da Estación
Fitopatolóxica explica no seu aviso fitosanitario de inverno como se deben
facer as podas
A Estación Fitopatolóxica de
Areeiro (EFA) vén de publicar un aviso fitosanitario de cara á entrada do
inverno este venres día 21n no que dá consellos aos agricultores de como facer
as podas e tamén advirte de que é preciso iniciar os tratamentos con funxicidas
de cobre nos cítricos, froiteiras de pebida e óso e kiwi.
Segundo sinala a técnica Rosa
Pérez Otero, dado que este outono está a especialmente chuvioso están empezando
a aparecer algúns síntomas de patoloxías nos cítricos (Phytophthora hibernalis e Phytophthora
cinnamomi). Por este motivo, é necesario evitar no posible acumulacións de
auga na zonas das raíces (se no verán rebaixaron o nivel do solo facendo un
espazo cóncavo para reter a auga de rega; retirar periodicamente das árbores os froitos
que amosen podremias, que estean excesivamente brandos e os que caian ao terreo;
e aplicar funxicidas de cobre ás plantas cando as condicións de choivas o
permitan, renovándoos en varias ocasión para que coas choivas non perdan a súa
efectividade.
Estes tratamentos cúpricos
tamén deben aplicarse a outras froiteiras, de pebida, de óso ou ao kiwi a doses
altas (pero sempre dentro do rango recomendado na etiqueta) e tamén deben ser
renovados algunha vez máis ao longo do inverno sempre que as temperaturas non
sexan excesivamente baixas e non exista tampouco previsión de xeadas para os
días sucesivos.
No caso das podas, aínda que a
estas alturas do ano xa hai agricultores que as teñen, aínda queda marxe de tempo
suficiente para practicalas, polo que é preciso lembrar unha serie de
recomendacións que convén considerar:
1. As podas deben facerse sempre
en tempo seco e mellor sen vento. Os cortes son vías de entrada para diferentes
fungos patóxenos (entre eles algúns dos responsables das enfermidades da
madeira), e a sensibilidade destes cortes é maior nas primeiras horas.
2. Os cortes deben ser sempre
limpos, sen rachos, e o máis verticais posible (nunca horizontais).
3. As tesoiras de poda deberían
desinfectarse cando menos entre plantas. De non ser posible, hai que facelo
todas as veces que sexa posible e sempre despois de facer un corte nunha rama
enferma, cuxa sección non terá o ton normal nin a consistencia da madeira.
4. Sempre que sexa posible hai que
sanear as plantas eliminando os brazos ou ramas afectados por cancros ou
alteracións da madeira ata alcanzar unha zona limpa e sa. Algunhas plantas
enfermas poden renovarse ou recuperarse a partir dun gromo chupón (ladrón) que
saia do propio tronco por debaixo da madeira afectada. Tamén existe a opción de
limpar ou baleirar as ramas afectadas (ou mesmo o tronco), eliminando a madeira
podrecida e mantendo soamente a parte externa da madeira (“cambium”).
5. Se a enfermidade afectase ao
conxunto da planta e non hai posibilidade de recuperación, convén retirala e
destruíla: sempre é mellor perder unha planta e a súa produción que ter unha
fonte de contaminación na parcela.
6. Hai que retirar, queimar ou
destruír por outros medios os restos da poda -sobre todo aqueles de maior
diámetro-, pois moitos fungos patóxenos
poden sobrevivir na madeira morta das plantas e nos restos de poda abandonados.
7. As plantas enfermas deben ser
as últimas en ser podadas.
8. Especialmente sobre os cortes
maiores hai que aplicar unha pasta con funxicida sobre a superficie do corte,
chegando ata os mesmos bordes, que soen quedar sen protexer.
É preciso lembrar que moitos
fungos patóxenos (tamén do solo) son oportunistas e polo tanto é moi importante
que as plantas estean o máis fortes posible para que poidan facer fronte a unha
posible infección. Por iso non hai que esquecer que as condicións do solo deben
ser as adecuadas, desde a estrutura física ata a dispoñibilidade de nutrientes
Pontevedra, 19 de decembro de 2018
Saúdos
Gabinete de comunicación
No hay comentarios:
Publicar un comentario