§
Os
vehículos, que renovan o parque móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue,
prestarán servizo de xeito inmediato nas bisbarras de Pontevedra e de Santiago
de Compostela
§
A partida
orzamentaria, que permitiu a adquisición das modernas unidades móbiles,
ascendeu a 561.440 euros
§
Case o 86% das preto de 109.000 doazóns realízanse nestes
vehículos
O conselleiro de
Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, ratificou o constante compromiso coa mellora
no servizo aos usuarios e usuarias do noso sistema público de saúde e,
especialmente, cos doadores e doadoras de sangue, no transcurso do acto de
presentación de dúas novas unidades móbiles de Axencia de Doazón de Órganos e
Sangue (ADOS). O acto tivo lugar na Praza do Obradoiro e contou coa presenza do
director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, e da
directora da Axencia, Marisa López García.
Almuiña salientou a
importante partida orzamentaria, que ascendeu a 561.440 euros, que supuxo a
adquisición, mediante concurso público, destes dous vehículos que renovan o
actual parque móbil de ADOS, e que comezarán a prestar servizo, de xeito
inmediato, nas bisbarras de Pontevedra e Santiago de Compostela.
Autonomía e
comodidade
Os novos vehículos
dispoñen de subministro eléctrico autónomo e sistema de climatización, así como
a máis moderna tecnoloxía que garanta a máxima seguridade e confort para que os
cidadáns podan realizar a súa doazón de sangue. Neste sentido, salientar que se
teñen reforzado todos os equipamentos de seguridade, tanto activa como pasiva,
que se poden ofrecer na actualidade, así como importantes melloras relativas á
climatización e insonorización do interior da unidade móbil, co obxectivo de
garantir a máxima comodidade.
Así mesmo, as
unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, cunhas dimensións de
12,2 metros de lonxitude e 3,4 metros de altura, estarán divididas en tres
espazos: unha área de recoñecemento médico, unha sala de doazón con capacidade
para catro padiolas e unha área de refrixerio. Salientar que as dúas unidades
móbiles teñen sido rotuladas exteriormente dun xeito totalmente innovador polo
que, por si mesmas, convidan aos cidadáns a participar activamente nas campañas
de doazón de sangue e, tal e como sinala o lema da campaña de ADOS, “Súmate ao
noso equipo”.
Tanto o conselleiro
de Sanidade como a directora de ADOS coincidiron en poñer de manifesto a
importancia da mellora na prestación do servizo aos cidadáns mediante a
contratación destas novas unidades móbiles, lembrando que, na actualidade, case
o 86% das preto de 109.000 doazóns de sangue que se recollen anualmente en
Galicia, rexístranse nestes vehículos.
Neste punto,
quixeron convidar a toda a cidadanía a achegarse no transcurso dos vindeiros
día a doar sangue nestes vehículos, xa que todos os días do ano precísanse
entre 400 e 500 doazóns de sangue para cubrir axeitadamente todas as
necesidades de compoñentes sanguíneos dos nosos centros sanitarios.
No hay comentarios:
Publicar un comentario