A XUNTA REFORZA O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA CON 122.000 HORAS MÁIS AO MES DURANTE A ALERTA SANITARIA CAUSADA POLO COVID-19 - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

domingo, 12 de abril de 2020

A XUNTA REFORZA O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA CON 122.000 HORAS MÁIS AO MES DURANTE A ALERTA SANITARIA CAUSADA POLO COVID-19





Esta medida forma parte do Plan social de continxencia aprobado polo Goberno galego para dar resposta á emerxencia sanitaria



      Asígnanse un total de 500.000 novas horas mensuais aos Concellos de toda Galicia para o coidado a domicilio das persoas con necesidades asistenciais
      O Goberno galego asume o importe que pagaba habitualmente o usuario deste servizo, polo que non suporá ningún gasto para este

A Xunta de Galicia reforzou o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) na provincia de Pontevedra con 122.000 horas máis ao mes para a atención das persoas con necesidades asistenciais. O Goberno galego asume o importe que pagaba habitualmente o usuario, polo que non suporá ningún gasto para este.

No conxunto de Galicia, o Goberno galego reforzará este servizo coa asignación de 500.000 novas horas de coidado a domicilio ao mes. Unha medida que supón un investimento de 6 millóns de euros ao mes e estenderase durante o tempo que dure a situación de emerxencia sanitaria e de estado de alarma. O obxectivo é proporcionar unha atención profesional a todas aquelas persoas que non eran usuarias do Servizo de Axuda no Fogar, pero poidan precisar a atención nesta situación excepcional.

Neste sentido, priorizaranse os casos máis urxentes detectados polo Programa de Asignación de Recursos, así como as persoas usuarias de centro de día, servizo que desde a declaración de emerxencia sanitaria permanece pechado. Así mesmo, tamén se terán en conta aquelas persoas cunha solicitude de dependencia rexistrada e pendente de ser valorada.

Estas novas horas de axuda no fogar poranse á disposición dos concellos para asignalas a aqueles casos que sexan considerados máis urxentes polo servizos sociais municipais. Na provincia da Coruña asignaranse 196.000 horas de servizo, na de Lugo 113.000, en Ourense 69.000 e en Pontevedra 122.000.

Plan de continxencia
A implantación deste SAF extraordinario é unha das medidas que forman parte do Plan social de continxencia aprobado polo Consello da Xunta para dar resposta ás consecuencias que ten a emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus nos colectivos de poboación máis vulnerables, como é o caso das persoas dependentes.

Dentro deste Plan inclúense outras medidas. A primeira consistiu na posta en marcha, desde a semana pasada, dun sistema de seguimento telefónico diario para as 14.400 persoas maiores ou con discapacidade que son usuarias dun centro de día ou ocupacional e que nestes momentos están nas súas casas debido á suspensión da actividade nestes centros. Ademais, ás persoas que o necesitan repárteselle 900 menús semanais nos seus domicilios.

A segunda medida foi a entrada en servizo do teléfono social (900 400 800) para complementar o que xa existe para resolver as dúbidas relacionadas co coronavirus. Neste teléfono aténdese a persoas con dúbidas básicas da vida cotiá nesta situación, persoas que necesiten conversa ou acompañamento, persoas que precisen atención psicolóxica especializada e persoas que estean nunha situación de necesidade ou especial vulnerabilidade. Desde a súa posta en marcha este teléfono xa atendeu máis de 700 chamadas.

A terceira das medidas é a posta en marcha dun  un correo electrónico para a detección rápida de situacións de risco, atencionsocialemerxencia@xunta.gal, e para resolvelas da man cos servizos sociais de base. En cuarto lugar, conxuntamente coa Consellería de Educación, o Goberno galego aprobou unha axuda económica para as nenas e nenos que dispuñan dunha bolsa de comedor na súa escola infantil, colexio ou instituto, das que se beneficiarán máis de 51.000 fogares galegos.

Así mesmo, fíxose unha exención das cotas das escolas infantís, centros de día e ocupacionais con financiamento público (públicos, de iniciativa social e concertados) para a metade do mes de marzo, que serán compensados, e todo o mes de abril, que non se cobrarán. E por último, aprobouse a maior orde de axudas da historia de Galicia destinada ás entidades sociais de inclusión social, por un importe de 18,3 millóns de euros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario