- § O delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís insiste en recordarlle á presidenta da institución provincial a gravidade da crise e pídelle que deixe a un lado a política de confrontación e que teña lealdade institucional.
- § Insístelle na necesidade de colaboración para achegar material de protección á plataforma loxística
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José
Manuel Cores Tourís, volveu a solicitarlle hoxe á Deputación de Pontevedra lealdade institucional na loita contra o
coronavirus e que deixe a un lado a política de confrontación constante.
Cores Tourís recordoulle a colaboración doutras deputacións como é o caso
da de Ourense, o mesmo a da Coruña, que aportaron xa mascarillas á plataforma
loxística da Xunta. “Ambas son un exemplo de lealdade e cooperación
institucional entre administracións de distinto signo político, porque a loita
contra o COVID-19 é unha labor de todos”.
Neste senso, o delegado territorial tamén lle recordou a Carmela Silva
que “a Fegamp representa a todos os concellos e a todas as provincias, e que a
súa coordinación coa Xunta está a ser excelente”, incluso con participación
presencial en todos os CECOP.
“Seguimos asistindo, con sorpresa, ao intento da institución provincial
de romper esta unidade”, explicou Cores Tourís, quen insistiu na importancia de
que a presidenta da Deputación pontevedresa sexa “dunha vez por
todas”consciente da gravidade da crise que estamos a afrontar e deixe a
política de confrontación”.
“Dende a administración autonómica pedímoslle que se quere colaborar
achegue material para que se distribúa dende a plataforma loxística, Clonegal,
posta en marcha dende a Xunta”, continuou o delegado territorial, quen tamén
quixo recordarlle á presidenta da institución provincial que a Xunta está a resolver
dentro de prazo todos os expedientes
de regulación temporal do emprego (ERTES) presentados. De feito, leva
resoltos preto do 90% dos expedientes presentados, e que a ampliación de 5 a 10
días hábiles do prazo máximo de resolución dos Ertes por causa maior débese a
que o Ministerio de Traballo enviou unha nota interpretativa pedindo a
ampliación que se contempla na Lei de procedemento administrativo e a que, con
este prazo, haberá máis seguridade xurídica.
O verdadeiro problema dos ERTES está en que,
como leva advertindo a Xunta desde hai tres semanas, centos de persoas
afectadas –e polo tanto as súas familias– polos expedientes de
regulación temporal de emprego (ERTE) non teñen percibido por parte do Goberno
a prestación pese a ser aprobado o seu ERTE pola autoridade laboral
–competencia autonómica–.
“Desde a Xunta, que está resolvendo todos os
expedientes en prazo, segue a solicitarse ao Goberno que aclare cantas
prestacións pagou xa aos traballadores e traballadoras afectados polos ERTES en
Galicia”, continuou Cores Tourís matizando que tamén se está a demandar ao
Ministerio que “teña a máxima
sensibilidade con estas familias e pague as prestacións por desemprego a medida
que os expedientes se van resolvendo”.
Estas dúas
cuestións xa foron plantexadas polo presidente da Xunta en varias Conferencias
de Presidentes sen que ata a data nin Pedro Sánchez nin ningún membro do seu
equipo de Goberno aclarase cal é a situación. “É preciso que o Goberno teña no pago das prestacións a mesma dilixencia
que está tendo a Xunta para resolver todos os expedientes dentro do prazo
establecido, porque ninguén podería entender que unha familia teña
que esperar ata o mes de maio para cobrar a súa prestación cando o
traballador está na súa casa e cun ERTE xa autorizado”, rematou o delegado
territorial.
No hay comentarios:
Publicar un comentario