O equipamento distribuíuse en todos os centros públicos galegos que imparten Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional, que se encargan de entregalos ás familias
Cada centro recibiu tres portátiles, que van equipados cun router WIFI e conectividade 4G gratuíta, grazas á colaboración dos operadores R, Vodafone e Orange
A Xunta entregou en menos dunha semana a práctica totalidade dos 1.000 portátiles con conexións a Internet gratuítas, destinados a familias con menos recursos e cuxos fillos cursen Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato ou Formación Profesional. A entrega dos restantes completarase a volta das vacacións escolares de Semana Santa ante a petición dos propios centros. Esta medida, aprobada no último Consello da Xunta, realízase en colaboración cos operadores R, Vodafone e Orange. A familias recibirán os equipos e a conectividade como préstamo persoal para facilitarlles aos seus fillos o seguimento da actividade educativa, mentres dure o estado de alarma.
Os portátiles entréganse ás familias a través dos seus centros de ensino, grazas á colaboración dos equipos directivos, cos que se contacta previamente para pechar a entrega do equipamento. Todos os centros públicos que imparten Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato ou Formación Profesional recibiron tres equipos con conectividade, que distribúen entre as familias atendendo á súa situación socioeconómica, priorizando o alumnado dos cursos de final de etapa que titulen (4º da ESO, 2º de Bacharelato e 2º de FP) e a aquelas familias que non dispoñan nos fogares de ordenador nin de conexión a internet.
Triplícase o uso das plataformas online
A dotación deste equipamento forma parte do paquete de medidas que puxo en marcha a Xunta para facilitar o seguimento en liña da actividade educativa. Entre as últimas actuacións está a posta a disposición dos docentes a pasada semana dunha plataforma de videoconferencia que permitiu na primeira semana activa máis de 30.000 reunións virtuais, nas que participaron máis de 100.000 docentes e alumnos.Ademais, desde o 30 de marzo os provedores de contidos da plataforma E-Dixgal: aulaPlaneta, Edebé, Netex e Pearson, permiten o acceso ao seus contidos aos centros que non están integrados na iniciativa, unha medida da que se poden beneficiar ata 95.000 rapaces.
Por outra banda, as plataformas coas que xa contaba a comunidade educativa galega incrementaron o seu uso desde a entrada en vigor da emerxencia sanitaria en Galicia. Ata o 4 de abril, último día lectivo aplicación abalarMóbil triplicou os usuarios diarios, e fronte aos 28.000 de media diaria antes da crise, a semana pasada rexistrouse diariamente máis de 80.000 usuarios, chegando a máis de 217.000 o venres.
Tamén as Aulas Virtuais dos centros triplicaron o número de usuarios, pasando duns 18.000 de media diarios antes da emerxencia sanitaria a rexistrar máis de 58.000 ao comezo da semana pasada, triplicando tamén o uso da plataforma, que pasou de 1 millón de interaccións diarias a máis de tres millóns. Na plataforma de E-Dixgal rexistráronse incrementos de uso diario entre o 90% e o 110% sobre os habituais anteriormente.
Videotitoriais para os docentes
Para facilitar o acceso a todos os servizos dixitais educativos dispoñibles para toda a comunidade educativa, habilitouse un espazo tanto no portal educativo, https://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/espazo/servizos-dixitais) como na canle do espazoAbalar en Youtube (https://www.youtube.com/espazoAbalar), nos que se indica como acceder a eles, manuais de uso, e videotitoriais dos servizos e funcionalidades máis demandadas das aulas virtuais, o sistema de videoconferencia, e da plataforma de comunicación coas familias.A día de hoxe están dispoñibles oito videotitoriais sobre as cuestións máis demandadas: cinco sobre o uso das aulas virtuais por parte do profesorado; 2 sobre o uso do servizo de videoconferencia por parte do profesorado e do alumnado e un sobre o uso do servizo de comunicación ás familias e alumnado por parte do profesorado.
Nestes dez días que levan dispoñibles, os videotitoriais recibiron unhas 14.000 visualizacións, destacando o de uso do servizo de videoconferencia por parte do profesorado con máis de 4.100 visualizacións.
No hay comentarios:
Publicar un comentario