§ Román Rodríguez preside unha reunión extraordinaria do Consello Galego
de Turismo co fin de recoller as achegas para a reactivación desta industria
§ Acorda a creación dun grupo de traballo para coordinar accións de
promoción entres diferentes administracións e traballar en valores comúns ao
destino
§ Solicita ao Goberno central medidas como a creación de ERTEs
específicos para o sector ou a creación dun fondo estatal para favorecer a súa
recuperación
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, anunciou a
elaboración dun Plan de Seguridade Sanitaria no eido turístico que permita
reforzar a confianza neste sector unha vez rematen as restricións impostas por
mor da crise sanitaria do coronavirus. Así o trasladou hoxe tras presidir mediante
videoconferencia unha xuntanza extraordinaria do Consello Galego de Turismo,
órgano que conta coa presenza de representantes das distintas administracións,
do mundo académico e do sector turístico, ao que foron ademais invitados
representantes das catro deputacións, e no que os distintos participantes
formularon as súas achegas para a reactivación desta industria.
O
responsable de Cultura e Turismo da Xunta, que estivo acompañado da directora
de Turismo, Nava Castro, subliñou que o futuro desta actividade --que
representa o 10,4% do PIB galego e o 11% dos postos de traballo-- debe pasar
por garantir a máxima seguridade e a saúde dos viaxeiros, facendo de Galicia un
destino 100% seguro. Neste sentido, apostou por avanzar no deseño dun plan que
contemple medidas sanitarias e de hixiene adaptadas ás diferentes actividades e
que conte coa participación de todos os axentes implicados.
Galicia, destino fiable e de calidade
Do mesmo
xeito, Román Rodríguez aproveitou a xuntanza para acordar a creación dun grupo
de traballo que permita deseñar e consensuar unhas liñas de actuación comúns a
todas as accións de promoción que se leven a cabo no eido turístico. O
obxectivo desta proposta, concretou, é que as iniciativas impulsadas desde as
distintas administracións compartan uns valores comúns, sen que ningunha delas
perda a súa autonomía.
Neste
sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo incidiu na necesidade de traballar
desde as distintas entidades para impulsar Galicia como un destino fiable, de
calidade e excelencia, centrado en valores como a seguridade, a tranquilidade
ou a sustentabilidade, e potenciando atractivos como a natureza, o rural e a
enogastronomía.
Planificar a saída das restricións
Segundo o
representante autonómico, é fundamental apostar pola colaboración e a
cooperación entre todos os axentes implicados na posta en marcha de medidas que
permitan reactivar o sector tras a crise do coronavirus. Lembrou que a Xunta xa
avanzou a posta en marcha dun plan de reactivación do sector cultural e
turístico, cun investimento de máis de 25 millóns de euros, que incluirá
accións de promoción, axudas directas ao sector ou a creación de produtos
específicos.
Con todo,
titular de Cultura e Turismo solicitou a implicación do Goberno central e
demandou a posa en marcha de medidas que atendan ás particularidades deste
sector. Entre elas, demandou a creación de ERTEs específicos para esta
industria que teñan en conta a estacionalidade desta actividade e o feito de
que, previsiblemente, este será un dos últimos sectores que poida operar con
normalidade.
Tamén instou
á activación dun fondo específico de ámbito estatal orientado ao mantemento e
reactivación do turismo e solicitou que o Goberno teña especialmente presente
esta actividade unha vez rematen as medidas de confinamento, permitindo que os
distintos axentes poidan organizar de xeito ordenado a volta á normalidade.
Consello Galego de Turismo
Este
organismo é un foro participativo dos axentes públicos e privados que
desenvolven o seu traballo diario no eido do turismo ou en materias de clara
incidencia neste sector clave para a economía galega. Entre as súas funcións
figuran propoñer liñas de investigación e estudo sobre cuestións de interese
para o turismo de Galicia, así como facer suxerencias ás Administracións
públicas en canto á adecuación do sector á demanda turística e á realidade
social, entre outras.
O Consello
está constituído por membros das Consellerías de Cultura e Turismo, Economía,
Emprego e Industria, Sanidade, Medio Rural, e Infraestruturas e Mobilidade, así
como por representantes dos concellos a través da Federación Galega de
Municipios e Provincias, representantes das universidades galegas, de
sindicatos e de consumidores. Ademais, teñen representación neste foro as distintas
ramas do sector turístico: establecementos hoteleiros, empresas de
restauración, establecementos de turismo rural, axencias de viaxe e centrais de
reserva, hoteis balneario e talaso, campamentos de turismo e guías turísticos. Cómpre
destacar que nesta ocasión participaron como invitados as catro deputacións
provinciais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario