- Feijóo explicou que esta decisión dotará de liquidez a 32.000 persoas e empresas
- Cos 1.800 M€ adicionais, a Xunta afrontará os pagamentos ordinarios; axilizará o pagamento das facturas aos seus provedores; e afrontará gastos extraordinarios
- Con este plan de liquidez, o obxectivo da Xunta é pechar o mes de marzo cun tempo medio de pago de facturas nun máximo de 15 días
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe tras a reunión do Consello da Xunta a suspensión dos prazos para a presentación das autoliquidacións dos impostos de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, de sucesións e doazóns e os tributos do xogo.
O titular do Executivo autonómico explicou que todas as autoliquidacións destes impostos poderán ser presentadas ata o 30 de xuño de 2020 ou ata un mes despois da finalización do estado de alarma. Do mesmo xeito, subliñou que esta decisión beneficiará a 32.000 persoas ou empresas cada mes, o que suporá unha perda de recadación por parte da Xunta de 35 M€ ao mes mentres estea vixente esta suspensión de prazos.
En todo caso, matizou que os contribuíntes que así o desexen poden presentar as autoliquidacións de xeito telemático a través da oficina virtual da Axencia Tributaria.
Non obstante, a suspensión de prazos non afecta ao resto dos impostos autonómicos relacionados co impacto ambiental –como o canon eólico, o imposto sobre as augas encoradas ou o imposto sobre contaminación atmosférica– dado que estes temas proseguen. “Iso si, páganse de acordo coas emisións. Loxicamente, se baixan as emisións pagarán menos”, matizou.
Plan específico para dotar de liquidez á tesourería da Comunidade
Ademais de aprobar esta suspensión dos prazos para autoliquidar os principais impostos que xestiona Galicia, Feijóo reiterou a posta en marcha dun plan específico para mellorar a liquidez da tesourería da Comunidade Autónoma, co fin de compensar o descenso da recadación como consecuencia do aprazamento destes impostos autonómicos; e axilizar os pagamentos de facturas a todos os provedores que traballan coa Administración galega, clave para os autónomos e as pemes.“Hai case 5.000 provedores da Xunta de Galicia e teñen que ter a seguridade de que a Xunta vai pagar coa maior rapidez posible”, engadiu.
Para garantir todo isto, a Tesourería da Comunidade acaba de dispoñer de 1.800 millóns de euros adicionais aos que xa vén dispoñendo mensualmente como consecuencia da recadación dos impostos da renda e do IVE. Con esta cantidade adicional, o Goberno galego afrontará os pagamentos ordinarios, como as nóminas dos empregados públicos ou as cotizacións á Seguridade Social; o pagamento ás farmacias; axilizar o pagamento das facturas aos provedores da Xunta; e afrontar gastos extraordinarios, como os que se están a afrontar no ámbito dos servizos sociais e da sanidade.
Así pois, o Goberno galego contará cunha potencia de liquidez superior a un período normal de actividade.
Feijóo aseverou que con este plan de liquidez, o obxectivo da Xunta é pechar o mes de marzo cun tempo medio de pago de facturas nun máximo de 15 días, mantendo así a Galicia entre as comunidades autónomas con menor tempo para o pagamento de facturas.
En concreto, o número de provedores actual da Administración autonómica oscila entre os 4.478 e os 4.642, dos que: máis de 2.300 son pemes; 953 autónomos; 611 sociedades anónimas; e 232 entidades sociais sen ánimo de lucro, maioritariamente do ámbito da discapacidade e das persoas maiores. Ademais, a través dos catro colexios farmacéuticos provincias canalízase o pago a máis de 1.300 oficinas de farmacia.
https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/48125/xunta-suspende-prazos-para-presentacion-tres-impostos-autonomicos-activa-plan
No hay comentarios:
Publicar un comentario