Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

jueves, 2 de marzo de 2017

PROGRAMA “CONECTADAS 2017”





A iniciativa, dotada con 324.000 €, ten como obxectivos mellorar a formación básica das mulleres, contribuír á súa empregabilidade e superar os problemas derivados da desigualdade de xénero

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o expediente para a contratación, por procedemento aberto, do programa “Conectadas 2017” impulsado polo servizo de Igualdade da institución provincial. Esta iniciativa ten por obxectivo mellorar a formación básica das mulleres, favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, reducir a brecha dixital mediante a utilización da información e as novas tecnoloxías e superar os malestares das mulleres derivados da desigualdade de xénero, impulsando accións formativas que incorporan de maneira transversal os principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

As empresas que queiran presentarse ó concurso deberán presentar, entre outras cuestións, un plan de traballo no que se recollerá a metodoloxía para o desenvolvemento do programa, un cronograma de accións a realizar e unha relación de recursos humanos e materiais que porá a disposición do programa. Amais, tamén deberán confeccionar unha base de datos para recoller as solicitudes remitidas polas entidades que queiran participar en “Conectadas 2017”, un plan de coordinación coas entidades, persoas participantes e o propio servizo de igualdade da Deputación de Pontevedra, detallar a presentación e clausura das acción formativas así como seguimento das acción formativas, presentar un rexistro do persoal encargado da docencia e coordinación, asumir o material para o alumnado e subscribir unha póliza de responsabilidade civil. A empresa tamén será responsable de lles recadar ás persoas ou entidades o pagamento de 6 € por cada acción formativa e de lles expedir o xustificante correspondente.  

A Deputación de Pontevedra achega neste exercicio a cantidade de 324.000 € a “Conectadas 2017”, cunha oferta inicial de cursos situada en 270. O programa está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento, ao igual que o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes.  Cada unha das asociacións poderá solicitar unha única acción formativa que suman un total de 47 obradoiros distribuídos entre oito bloques temáticos: “Muller emprende” (emprendemento), “Muller e cultura” (dedicado ás artes visuais), “Actualízate” (alfabetización dixital), “Coas túas mans” (traballos manuais), “Porque ti o fas” (xardinería e ornamentación floral), “Súmate ao cambio” (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), “Ponte en forma” (deportes) e “Coidados persoais”.

As actividades formativas están abertas a toda a poboación, pero con preferencia para as mulleres xa que unicamente se reserva o 25% das prazas para homes, agás nos obradoiros do bloque “Súmate ao cambio”, no que a participación pode ser mixta ao 50%. Os cursos, cunha duración de 35 horas (5 delas para un módulo de sensibilización na Igualdade de oportunidades), deberán reunir 15 prazas e, como máximo, entre 20 e 25.

A Deputación de Pontevedra volve pór en marcha este proxecto, que o ano pasado sumou a máis de 5.000 persoas, ao considerar que a formación é un instrumento imprescindible á hora de acadar unha igualdade real, buscando garantir o acceso a todos os membros da sociedade á participación nas distintas esferas e actividades: económica, política, de participación social, educativa, formativa, laboral, entre outras, sobre as bases da igualdade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario