A DEPUTACIÓN CONVOCA 25 BOLSAS DE PRÁCTICA LABORAL PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

viernes, 21 de febrero de 2014

A DEPUTACIÓN CONVOCA 25 BOLSAS DE PRÁCTICA LABORAL PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE


Irán destinadas a titulados universitarios ou de Formación Profesional sen experiencia na titulación para a que se formaron

·        Desenvolverán as súas prácticas en diferentes departamentos ou centros da Administración Provincial
·        Louzán subliña que se trata dunha medida coa que se pretende fomentar a igualdade no acceso ao mercado laboral deste colectivo, facilitándolle experiencia
A Deputación de Pontevedra convoca 25 bolsas de práctica laboral dirixidas a titulados universitarios ou de Formación Profesional con algún tipo de discapacidade. Así o aprobou esta mañá a Xunta de Goberno da Deputación, que pretende con esta medida favorecer a inserción laboral dun colectivo con especiais dificultades para o acceso ao mercado de traballo.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, subliñou que, despois das 1.000 bolsas postas en marcha ao longo do pasado ano para outros tantos titulados, era preciso, en aras de afondar na igualdade, poñer en marcha unha medida centrada especificamente nas persoas con discapacidade.
Con este obxectivo, poderán beneficiarse destas bolsas de práctica laboral as persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33% con titulación universitaria ou de formación profesional e que remataran os estudos obxecto da bolsa con posterioridade ao un de xaneiro do 2000.
Así mesmo, requírese que non teñan experiencia laboral previa na profesión ou área de coñecementos para o que se formaron e na que van realizar as prácticas laborais.
As bolsas, ao igual que as convocadas nos dous plans de práctica laboral anteriores, terán unha duración de seis meses prorrogables por outros seis e bolsas serán incompatibles con calquera outra actividade remunerada.
Os bolseiros desenvolverán o seu labor, tal e como sinalou o presidente da Deputación, en diferentes centros e departamentos da Administración provincial e percibirán unha contía mensual de 800 euros no caso dos titulados universitarios e de 700 euros para os titulados de FP.
Unha vez publicada a convocatoria das bolsas no Boletín Oficial da Provincia, os interesados en acollerse a estas bolsas disporán de 20 días hábiles para presentar as súas solicitudes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario