O primeiro dos actos terá lugar este venres cun debate sobre a violencia de xénero hoxe, organizado por Mulleres en Igualdade
Entre as actividades programadas destaca o festival Miradas de Mulleres 2014, ao que este ano decidiu sumarse a Deputación de Pontevedra a través do Museo e que ten por obxecto difundir o papel e a relevancia da muller no mundo das artes visuais a través dunha serie de actividades que se realizarán ao longo do mes de marzo.
Trátase dunha iniciativa de Mujeres en las Artes Visuales (MAV), unha asociación interprofesional e de ámbito estatal sen ánimo de lucro formada por 400 profesionais do sector das artes plásticas en España e que foi creado en 2012 pola artista Mareta Espinosa, para poñer en valor a presenza da muller en todos os ámbitos profesionais das artes visuais, desde a creación artística ao comisariado, a crítica, a investigación e a xestión.
Con este obxectivo, a entidade organizadora convida a museos, galerías, centros de arte e universidades a sumárense a este festival con mostras e outras actividades de mulleres artistas durante o mes de marzo, coa finalidade de aglutinar o maior número de exposicións coa muller como centro.
O programa co que o Museo de Pontevedra se suma a esta iniciativa inclúe unha conferencia sobre Muller burguesa e xoiería no século XIX. A democratización do luxo, que será pronunciada por Natalia Fraguas, conservadora do Museo de Pontevedra, o día 6 de marzo ás 20,00 h.
O 12 de marzo terá lugar o recital poético de Dores Tembrás Onde pousar o verso e do 26 ao 28 de marzo desenvolverase un ciclo de conferencias que, baixo o título Mulleres artistas, contará coa participación de Beatriz de San Ildefonso, cun relatorio sobre Mulleres artistas na colección do Museo de Pontevedra, que terá lugar o día 26 de marzo; Elena Colmeiro, que disertará sobre Elena Colmeiro e as artistas da súa xeración, a súa experiencia persoal¸o día 27, para rematar, o 28 de marzo, con Almudena Fernández Fariña falando de A miña obra e as artistas da miña xeración. A miña experiencia persoal.
Todas estas actividades realizaranse no salón de actos do Sexto Edificio ás 20,00 h.
Ademais, o 8 de marzo terá lugar no andar baixo do Sexto Edificio a actividade Con mans de muller. Actividades no marco da conmemoración do Día Internacional da Muller, que incluirá unha demostración de palilleiras das asociacións pontevedresas A Fieitiña e Mar de Fíos; e unha pequena mostra de encaixes tradicionais e creativos. A demostración terá lugar de 11:00 a 13:30 h e de 16:30 a 18:30 h.
Esta actividade completarase cunha mesa redonda sobre o encaixe de palillos, que terá lugar ás 19:00 h. no salón de actos e no que participarán Mariña Regueiro, que tratará sobre o encaixe e a pintura a través dos fondos do Museo; Mario Gallego, que se centrará nas palilleiras de Pontevedra e o papel do home en relación a esta artesanía; Esperanza Marín, que falará acerca do oficio tradicional do encaixe de palillos en mans das mulleres e Ana Rosa Liste que falará do encaixe creativo e da mestura de tradición e modernidade.
Debate sobre violencia de xénero
A estas actividades hai que engadir a que abrirá o programa de actos relacionados coa muller e que será a mesa de debate A violencia de xénero hoxe, que organiza a asociación Mulleres en Igualdade de Pontevedra.A mesa terá lugar este venres, 28 de febreiro, ás 20,00 horas no Sexto Edificio e contará coa participación de Rosa Campos Briones, directora do Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra; Carmen Fúnez, secretaria xeral da Confederación de Mulleres en Igualdade e senadora por Castela A Mancha; Marta González Vázquez, presidenta da Comisión de Igualdade do Congreso dos Deputados; Pilar Lagos Alonso, responsable de EMUME; Beatriz Piñeiro Lago, presidenta da Asociación Mulleres en Igualdade de Pontevedra e Begoña Rivera Barros, directora do centro de emerxencia para mulleres vítimas de violencia de xénero.
No hay comentarios:
Publicar un comentario