A Deputación traballa na redacción dos pregos técnicos
para a posta en marcha do servizo
O servizo provincial de recollida de lixo da Deputación
de Pontevedra conta xa cos suficientes concellos adheridos como para a posta en
marcha desta modalidade de xestión conxunta, polo que os técnicos da
administración provincial están a redactar os pregos técnicos para súa a
licitación.
Nestes momentos son 20 os concellos que se adheriron formalmente ao servizo
e hai outro grupo que transmitiu o seu interese en sumarse. Con estes datos, as
estimacións dos técnicos da Deputación establecen que a posta en marcha do
servizo cos 20 concellos xa adheridos suporía a subrogación duns 25 operarios
que nestes momentos traballan nos concellos. Así mesmo, disporíase de 22
camións para a recollida do lixo.
O obxectivo da Administración provincial é activar este servizo canto antes
para dar resposta ás demandas dos concellos e impulsar unha xestión dos
residuos municipais máis acorde coas novas esixencias lexislativas.
Cómpre ter en conta que a lexislación actual establece que en 2020 terase
que acadar unha separación para a súa reciclaxe ou reutilización do 50% do
total de lixo doméstico ou similar xerado anualmente, reclamando a separación
de papel, cartón, vidro e envases lixeiros, que xa se fai actualmente, pero
tamén de plásticos, metais e materia orgánica, o que obrigará aos concellos
–que son as administracións competentes nesta materia– a facer un enorme
esforzo para adaptarse ás novas demandas.
A Deputación de Pontevedra pretende favorecer
este tránsito cun servizo no que se potenciarán novas fórmulas de xestión, como
a compostaxe -para o cal está prevista a posta en marcha dun plan piloto que
distribuirá 1.300 composteiros na provincia, a potenciación da planta de
compostaxe da Mancomunidade do Morrazo, e a colaboración coa Xunta de Galicia
na implantación de plantas de compost na provincia-. Así mesmo, están en estudo as posibilidades de
aplicar nesta provincia a tecnoloxía de dixestión en autoclave a presión que se
está a desenvolver na planta de tratamento de lamas de Touro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario