CADA FOGAR DA PROVINCIA PODERÍA AFORRARSE 32 EUROS NA FACTURA DE LIXO SE SE DUPLICASE A SEPARACIÓN E RECOLLIDA SELECTIVA - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

miércoles, 26 de febrero de 2014

CADA FOGAR DA PROVINCIA PODERÍA AFORRARSE 32 EUROS NA FACTURA DE LIXO SE SE DUPLICASE A SEPARACIÓN E RECOLLIDA SELECTIVA

























A Deputación de Pontevedra acolleu esta mañá unha xornada de traballo sobre a xestión dos residuos municipais

·            A provincia de Pontevedra separou en 2013 un total de 23.121 toneladas de papel, cartón, envases e vidro, o que lle permitiu aforrar 5 millóns de euros
·            O director xeral de Ecoembes subliñou o papel fundamental das administracións locais no incremento da reciclaxe de envases, que acadou o 70,3%
Cada fogar da provincia de Pontevedra podería aforrarse 32 euros na  factura de lixo se se duplicase a separación e recollida selectiva. Así o puxo de manifesto esta mañá o presidente da Deputación, Rafael Louzán, na inauguración das xornadas Presente y futuro de la gestión de residuos municipales ante el nuevo marco normativo que se desenvolve no Pazo Provincial e na que participan técnicos e responsables municipais de máis dun cento de concellos de España, así como membros dunhas cincuenta empresas, asociacións e entidades relacionadas coa xestión ambiental ou de residuos.
Na súa intervención, Louzán subliñou que a provincia de Pontevedra enviou a Sogama en 2013 un total de 345.000 toneladas de residuos “o que supuxo un custe de 46 millóns de euros”, mentres que “se separaron e reciclaron 23.121 toneladas de papel-cartón, envases e vidro que permitiron un aforro económico superior aos 5 millóns de euros”.
Louzán incidiu en que estes datos son o suficientemente significativos como para apostar por unha mellor xestión dos residuos, dado que “só con duplicar a cifra de residuos enviados á reciclaxe, reduciríamos a factura da xestión nesta provincia en 10 millóns de euros”, e dicir, o custe da recollida e tratamento de lixo reduciríase en case 32 euros por vivenda.
Neste sentido, amosouse confiado en que as xornadas que hoxe reúnen en Pontevedra a 200 persoas relacionadas coa xestión dos residuos permitan “definir liñas de traballo que nos axuden a todos a converter os residuos non nun problema, senón nunha oportunidade” e achegar “solucións que axuden aos concello a facer fronte ás novas exixencias e responsabilidades nesta materia” afondando tamén “nunha unificación de taxas e racionalización do servizo que permita poñer fin ao actual déficit do servizo”.
Este é precisamente un dos obxectivos que a Deputación persegue co servizo conxunto que pretende poñer en marcha e que confía en conseguir por medio do abaratamento dos custes do servizo con medidas de racionalización de recursos e de loxística e avances na separación, reutilización e reciclaxe.
Pola súa banda, o secretario xeral da FEMP, Ángel Fernández, destacou a conveniencia de realizar xornadas como a que se inaugura hoxe, pois “é importante traballar e unir esforzos para que a xestión dos residuos urbanos sexa cada vez máis eficiente”.  Neste punto, incidiu na importancia tamén de realizar campañas de concienciación posto que “a participación cidadá neste ámbito resulta esencial”.
Trátase dun aspecto no que tamén fixo fincapé o conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Agustín Hernández, que informou de que a administración autonómica e Sogama están traballando conxuntamente na intensificación de campañas educativas para promover a reciclaxe.
Ademais, indicou que a Xunta de Galicia está apoiando un tratamento de residuos baseado na redución, a recuperación, a reciclaxe e a valorización enerxética dos mesmos, afirmación que ratificou con datos. Así, subliñou que Sogama aumentou nun 21% a recuperación de envases lixeiros e iniciou un proceso de recuperación de dous novos materiais: o vidrio e o aceiro.
No caso do vidro, afirmou que a nova instalación de Cerceda permitirá incrementar nun 80% a reciclaxe deste material en Galicia, mentres que a separación de aceiro recupera entre 7.700 e 11.000 toneladas.
Cooperación público-privada
Neste camiño, tal e como sinalou o director xeral de Ecoembes, Óscar Martín Riva, ten un papel primordial a cooperación, que permitiu incrementar notablemente a separación de envases nos últimos anos.

O director de Ecoembes destacou, pola súa banda, que España conta cunha taxa do 70,3% de reciclado de envases, unha cifra que a sitúa por riba da media comunitaria e a coloca entre os dez países de Europa con máis reciclado.

E neste camiño, “o papel das Administracións e da FEMP para desenvolver en España un sistema de reciclado de envases domésticos de tanto éxito coma o que temos foi clave”.
Principio de xerarquía
Unha colaboración que tamén destacaron o vicepresidente da Fegamp, Alfonso Villares,  e a directora de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Guillermina Yanguas.
Yanguas fixo un chamamento á concienciación social, para conseguir que o vertido de residuos, que hoxe é a opción maioritaria, pase a ser a opción minoritaria, nun principio de xerarquía que converta en prioritaria a recuperación, reciclaxe e valorización dos residuos.
Finalmente, Alfonso Villares referiuse á reforma local, destacando que mantén aos concellos como administracións competentes á hora de prestar este servizo e de xestionar a recogida e tratamento dos RSU, pero “outórganos, dixo, un gran aliado”, en referencia ás deputacións, que poderán asumir este servizo se nos concellos de menos de 20.000 habitantes se estes así o aceptan.
Villares lembrou que a xestión de RSU custa aos concellos galegos 180 millóns de euros, o que representa o 8% dos recursos municipais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario