Nunha xornada de traballo organizada pola
Deputación de Pontevedra e a FEMP que terá lugar o 26 de febreiro
· Os
concellos da provincia enviaron a Sogama en 2013 unhas 345.000 toneladas de
lixo, polos que pagaron 21 millóns de euros
· A
Deputación xa recibiu a adhesión formal de 20 concellos ao servizo provincial
de recollida de residuos, que pretende activar canto antes
Alcaldes e técnicos de toda España daranse cita o
vindeiro mércores, 26 de febreiro, na sede da Deputación provincial de
Pontevedra para abordar o futuro da xestión municipal dos residuos.
Así o anunciou esta mañá o presidente da Administración
provincial, Rafael Louzán, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno e na
que informou da organización desta xornada de traballo que, baixo o título Presente e futuro da xestión dos residuos
municipais ante o novo marco normativo, organizan a Deputación e a FEMP en
colaboración co Ministerio de Medio Ambiente, ECOEMBES, a Asociación Nacional
de Empresas de Medio Ambiente e a FEGAMP.
Rafael Louzán subliñou que se trata dunha materia “moi
sensible” e que inflúe na economía de empresas, familias e concellos, polo que
a Administración provincial pretende que esta xornada permita valorar en qué
situación nos atopamos e perfilar o camiño polo que se debe avanzar para acadar
unha xestión máis sustentable tanto desde o punto de vista ambiental como
financeiro.
Para conseguilo, na xornada –na que está prevista a
presenza dunhas 300 persoas, participarán especialistas en xestión de residuos
procedentes de diferentes puntos de España. Abordarán, entre outros temas, o
actual marco legal e o camiño que teremos que andar para acadar os obxectivos
2020; os diferentes modelos supramunicipais para a prestación do servizo de
recollida e tratamento de residuos; os instrumentos financeiros necesarios para
unha prestación eficiente do servizo; as posibilidades da colaboración público-privada;
ou os impactos na Administración local dun sistema de depósito, devolución e
retorno de envases de bebidas; así como o plan provincial de recollida de
residuos que a Deputación de Pontevedra ten en tramitación.
20
concellos adheridos ao servizo provincial
Neste sentido, Rafael Louzán lembrou a relevancia de
avanzar nunha mellor xestión dos residuos, dado que supón un investimento
importante por parte dos concellos e sobre o que existen posibilidades de
racionalización.
Así, lembrou que os concellos da provincia enviaron a
Sogama en 2013 unhas 345.000 toneladas de residuos, o que lle supuxo un custe
de 21 millóns de euros só en concepto da taxa por tratamento, e ao que habería
que sumar unha cantidade similar pola recollida en si mesma. No entanto,
aforraron máis de 5 millóns de euros grazas á recollida selectiva de
papel/cartón, vidro e envases lixeiros.
Por iso, avanzar na separación, na redución e na
reciclaxe de residuos, contribuiría de forma notable a reducir esta factura.
Este é, precisamente, un dos obxectivos do servizo
provincial de recollida de lixo que a Deputación quere poñer en marcha o antes
posible e que, segundo indicou Rafael Louzán, conta xa coa adhesión firme de 20
concellos, o que vai permitir que se active o servizo.
Louzán subliñou que este sistema permitirá reducir custes
e avanzar na equiparación de taxas, ao tempo que se racionaliza o servizo e se
optimizan os recursos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario