A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado
participou en Vila de Cruces e Boqueixón na presentación do libro ‘Ponteledesma, nove arcos de auga,
pedra e historia’ financiado a través do programa
§
Neste programa poden participar tanto asociacións
formalmente constituídas como grupos informais de mozos e mozas, e permite que
a xuventude galega poida organizar, emprender e impulsar actividades onde os
actores principais son eles mesmos
§
Galicia é a primeira Comunidade Autónoma que certifica as
competencias adquiridas coa participación en programas de educación non formal
A directora xeral de Xuventude, Participación e
Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou este serán na vila pontevedresa de Vila
de Cruces na presentación do libro ‘Ponteledesma, nove arcos de auga, pedra e
historia’. O exemplar está editado polo grupo informal de mozos e mozas Amigos
da ponte a través do programa de participación xuvenil Iniciativa Xove que
organiza a Consellería de Política Social. A Ponte, que enlaza o municipio
pontevedrés de Vila de Cruces e o coruñés de Boqueixón, ten unha gran relevancia histórica, xa que foi escenario de batallas
contra o exército napoleónico e por formar parte dun ramal da Vía da Prata que
discorría por O Corpiño, Fontao, Carboeiro, Merza, Bascuas ,Gres e Ledesma.
A Consellería de Política Social investiu este
ano no programa Iniciativa Xove un total de 500.000 euros que financiaron 150
proxectos nos que participaron directamente máis de 750 mozos e mozas. A
directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez,
destacou que Iniciativa Xove é “un programa pioneiro a nivel nacional no que a Administración non lle indica aos mozos o que
teñen que facer, senón que lles pide propostas para despois apoialas co
propósito de estimular o liderado, a creatividade e o talento xuvenil”.
Neste programa poden participar tanto
asociacións formalmente constituídas como grupos informais de mozos e mozas, e
permite que a xuventude galega poida organizar, emprender e impulsar
actividades onde os actores principais son eles mesmos. A Xunta financia a
totalidade dos proxectos presentados cun orzamento máximo por iniciativa de
4.000 euros. Todas as entidades e grupos aos que se lles concede a axuda e o
solicitan reciben un anticipo do 80% sobre o total da cantidade concedida.
Este ano, ademais, foi a primeira edición onde
as experiencias, competencias e habilidades adquiridas mediante o
desenvolvemento dos proxectos de Iniciativa Xove contaron cunha certificación
oficial expedida pola Xunta. Galicia é a primeira Comunidade Autónoma e, polo
de agora, a única que certifica as competencias adquiridas coa participación en
programas de educación non formal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario