'O Apalpador' estará nas rúas de
Poio e Barro na mañá do mércores 23 de decembro
Dentro do mesmo programa, 'Os
Quinquilláns' levan unha obra de teatro infantil a Pontecesures día 27
O deputado provincial de Cultura
e Normalización Lingüística, Xosé Leal, presentou esta mañá en Poio as
actuacións do programa 'Nadal en Galego' para a comarca de Pontevedra e Caldas,
que contempla a chegada de 'O Apalpador' ás rúas de Poio e Barro o día 23, e a
obra de teatro infantil 'Por que é salgada a auga do mar?' da compañía Os
Quinquilláns á Casa da Cultura de Pontecesures o domingo 27.
Xosé Leal, que estivo acompañado
polos alcaldes de Poio e Barro, Luciano Sobral e Xosé Manuel Fernández
Abraldes, asegurou que "con estas actuacións queremos potenciar que a
lingua estea presente na programación de Nadal dos concellos, sobre todo
recuperando o Apalpador, que é unha figura moi nosa e moi galega". Xosé
Leal salientou que "estas actuacións son un complemento á programación de
Nadal dos concellos, na liña da nova Deputación baseada na colaboración e a
cooperación a través de iniciativas conxuntas ".
Está previsto que 'O Apalpador'
chegue a Barro ás 10:30 horas do vindeiro mércores, concretamente ao Pazo da
Crega, e a Poio ás 12:00 horas do mesmo día, ao Parque da Memoria no recinto da
Seca . En palabras de Xosé Leal "é unha actuación que ademais de poñer en
valor aspectos relacionados coa lingua tamén promove a aposta pola
sustentabilidade, polo medio natural e polos hábitos de vida saudables".
Por último, tamén incidiu en que "se pretende, ademais, revitalizar o
tecido do comercio local que é un aspecto moi importante a ter en conta nestas
datas".
Pola súa banda, o alcalde de
Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, agradeceu "a nova forma de
relacionarse cos Concellos por parte da Deputación que, a través da cooperación
e da colaboración, nos está posibilitando ter un programa cultural nestas datas
o máis completo posible para todo tipo de públicos". Abraldes anunciou que
a visita do Apalpador se integrará no programa propio do Concello de Barro
denominado 'Nadal no Pazo', posto que se celebrarán todas as actuación no Pazo
da Crega, e asegurou que "estará fundamentado na nosa tradición, na nosa
cultura e na nosa lingua".
O alcalde de Poio, Luciano
Sobral, tamén fixo fincapé en que "esta colaboración vén a reforzar a
nosas actividades propias no Nadal, e permitirá que todos os rapaces do
concello e sobre todo de todos os colexios poidan gozar dun espectáculo baseado
na nosa lingua e na nosa cultura". Tamén aproveitou a súa intervención
para salientar que "debemos seguir nesta liña de interacción entre
Deputación e concellos para que a nosa cultura se poida achegar mellor a todos
os nosos veciños e veciñas".
Na mesma presentación, tamén se
anunciou dentro do programa 'Nadal en Galego' a representación da obra 'Por que é salgada a auga do mar'? da man
da compañía especializada en teatro infantil Os Quinquilláns, na Casa da
Cultura de Pontecesures, o domingo 27 ás 18:00 horas. Leal sinalou como
elementos de referencia desta actuación "a dinamización da lingua, o
fomento do coñecemento do medio natural e a participación da rapazada no propio
espectáculo".
O Apalpador
Esta actuación está fundamentada na recuperación de
valores medioambientais e de hábitos saudables. Trátase dun espectáculo musical
que comezará cun pasarrúas pola vila no que o 'Apalpador' acompañado dun músico
e dun burro fariñeiro, feito en madeira de bidueiro, convidarán aos nenos e
nenas a subirse á súa montura por quendas e viaxar con eles. A 'viaxe'
consistirá nun percorrido polas lendas da cultura das montañas, para coñecer os
animais do bosque, os apeiros propios dunha casa, e a natureza propia de zonas
como O Courel e Os Ancares. Para iso, despois do pasarrúas, visitarán unha
exposición titulada 'A xanela do Courel' con fotografías e pegadas de animais
do bosque feitas en arxila, como lobos, osos, raposos ou donicelas, e de
utensilios e apeiros dunha casa da montaña, para que poidan coñecelos e
familiarizarse con eles. O espectáculo remata cunha sesión de contacontos
dirixido a todos os públicos, na que se tratará de promover o coidado da
natureza, a necesidade de preservar o noso medio natural e de fomentar
actitudes persoais baseadas en hábitos saudables e dietas sas.
É un espectáculo que vincula o Nadal coa tradición,
recuperando unha figura que forma parte dos trazos identitarios galegos, para
que os máis novos e as máis novas poidan familiarizarse con este personaxe e
coñecer a súa historia. 'O Apalpador' representa unha figura mítica, que
orixinariamente se representaba como un carboeiro de barba vermella e que
segundo a tradición baixaba ás vilas desde as montañas a noite do 24 ou o 31 de
decembro para tocar o ventre das crianzas para ver se comeron suficiente
durante o ano e deixándolles a cambio agasallos e castañas, así como para
desexarlles un novo ano cheo de felicidade e comida.
Os
Quinquilláns
‘Por que é salgada a auga do
mar?’ é una obra da compañía especializada en teatro infantil Os Quinquilláns.
Trátase dunha historia protagonizada por dous personaxes, a Tripulanta Rías
Baixas e o Tripulante Norai, que discuten sobre a orixe salgada da auga do mar.
Grazas a eles, os rapaces e rapazas coñecerán unha lenda tradicional e o fondo
submariño, para o que serán dotados cun atrezzo básico por parte dos propios
actores, para podelos acompañar polos percorridos que se lles propoñen. A obra
xoga coa controversia entre as crenzas populares e os estudos científicos de
xeito ameno e lúdico, e ten unha duración de preto dunha hora. Está dirixido a
todos os públicos pero desde a compañía recoméndase que os cativos e cativas
sexan maiores de 3 anos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario