§
O conselleiro de Cultura e Educación participou na apertura da
oitava edición de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, que se celebra
ata o domingo en Pontevedra
§
A Consellería promoverá no seu stand algúns proxectos postos en marcha
para dinamizar o sector, tales como os programas audiovisuais e escénicos ou as
campañas de animación á lectura, e tamén ofrecerá información sobre Womex 2016
O conselleiro de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou na
apertura da oitava edición de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de
Galicia que se celebra ata o domingo en Pontevedra. Unha cita que, segundo dixo
o conselleiro, xa está consolidada como evento de referencia en Galicia no que
atinxe ao intercambio profesional, o contacto co público e a promoción de
produtos e servizos culturais.
O responsable de Cultura da Xunta —que estivo
acompañado pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro; pola presidenta da
Deputación, Carmela Silva; polo presidente da asociación Culturgal, Manuel
Bragado; e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores
Tourís, entre outros— destacou a importancia desta feira “na dinamización
creativa e económica da nosa cultura” ao tempo que se configura —dixo— como
“unha manifestación da nosa identidade como pobo, porque se expresan os nosos
factores diferenciais no ámbito global, coa lingua galega como bandeira”.
Neste sentido, Román Rodríguez salientou o apoio
e o compromiso da Consellería con este evento a través de dúas iniciativas
específicas como son as xornadas de xestión de redes de espectáculos (que terán
lugar mañá) e o desenvolvemento do programa ‘Firma e filme’ que se puxo en
marcha para fomentar as versións cinematográficas de obras da literatura
galega.
Implicación
común
Así mesmo, o conselleiro subliñou que
Culturgal, xunto co resto de actividades culturais que se levan a cabo durante
todo o ano, deben confluír nun “obxectivo común” por parte das administracións
e dos profesionais, que non é outro que “implicarnos en potenciar a creación
cultural e incentivar o seu consumo por parte de todos os galegos e
galegas”.
Todos os participantes no acto realizaron
tamén unha visita pormenorizada á feira, percorrido ao que se sumaron José
Aldea, director de Culturgal; o secretarios xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o
secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e mais o director da
Axencia Galega das Industrias Culturas (Agadic), Jacobo Sutil.
Cinema,
escena, música e lectura
Co obxectivo de promover algúns proxectos
postos en marcha dende a Consellería para dinamizar o sector das industrias
culturais, o stand da Xunta de Galicia achega información sobre o programa
Cinemas de Galicia, o mercado Galicia Escena Pro –que vén de celebrarse en
Santiago–, as campañas de animación á lectura, o Centro de Emprendemento que
funciona na Cidade da Cultura ou os traballos de dinamización lingüística que
percorren gran parte dos concellos de Galicia.
Ademais, os visitantes poderán atopar
información sobre a feira Womex 2016, que se volverá celebrar o ano que vén en
Santiago tralo éxito acadado na edición de 2014, e tamén poderán descargar no
stand a app da Axenda de Cultura de Galicia, unha aplicación móbil promovida
pola Secretaría Xeral de Cultura, coa colaboración da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia.
‘Presume
de Culturgal’
Baixo o lema ‘Presume de Culturgal’, a
asociación Culturgal, integrada por distintos colectivos profesionais do sector
cultural, organizou esta oitava edición da Feira das Industrias Culturais, que
acollerá no pazo da Cultura de Pontevedra máis de 150 actividades culturais
para todos os públicos, así como diversos foros e encontros especializados e un
recinto feiral no que un total de 75 expositores públicos e privados difundirán
os últimos produtos e servizos culturais feitos en Galicia.
A programación de Culturgal 2015, na que como
en anos anteriores ten unha gran presenza a oferta dirixida ao público infantil
e familiar, complétase cos concertos que terán lugar na carpa musical instalada
na zona exterior contigua ao Pazo da Cultura e coa exposición ‘Somos espazo:
simbioses entre arte e arquitectura’, promovida pola Deputación Provincial a
través do Museo de Pontevedra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario