Uns 3.000 usuarios de comedores, asilos, bancos de
alimentos e asociacións benéficas recibirán máis dunha tonelada de froita este
Nadal
No que vai de ano a Estación Fitopatolóxica xa distribuíu
máis de dúas toneladas de froitas e hortalizas entre eses colectivos e outros
600 quilos a través das unidades didácticas para os colexios
A Deputación de Pontevedra fará chegar este
Nadal a entidades sociais da provincia a colleita de kiwis da plantación da
Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) dependente da Deputación. O centro de
investigación ten uns 3.000 metros cadrados destinados a este cultivo e a
recollida deste ano foi aproximadamente dunha tonelada. A froita repartirase
entre 26 entidades e colectivos que a distribuirán á súa vez entre máis de
3.000 usuarios.
O vicepresidente César Mosquera, responsable
de Areeiro, destacou o traballo feito dende a EFA para a mellora e adaptación
de diferentes cultivos en Galicia, así como o seu traballo didáctico e a
colaboración con entidades sociais de axuda a xente con escasos recursos cos
seus cultivos, "o que supón unha pequena achega, aínda que non solucione
problema de fondo", dixo hoxe.
Areeiro comezou a súa plantación de kiwis no
ano 1984 cando o cultivo se introduciu en Galicia. Entón a EFA realizaba
investigacións sobre plantación, produción, polinización, fenoloxía, problemas
de cultivo, calidade da froita... Máis adiante xa se iniciaron ensaios de
produtos fitosanitarios e outros elementos para a súa mellora. Actualmente
estanse a facer investigacións sobre como combater unha bacteria que está
reducindo as producións na provincia, con análises das plantas e das súas
xemas.
Estas investigacións de Areeiro son fundamentais
para as empresas da provincia, que concentran o 70% da produción galega. En
Galicia hai actualmente 400 hectáreas de cultivo de kiwi, cunha colleita anual
que chega ás 7.000 toneladas -das 12.000 que se producen en todo o estado-.
A Deputación decidiu que a froita que se
produce nas súas plantacións, que cumpre tódalas garantías sanitarias e
estándares de calidade, non tivese saída para a venda, senón que fose doada a
entidades sen ánimo de lucro. Así se fai tamén con outro tipo de tipos de produtos
da finca de Lourizán. No que vai de ano, de feito, Areeiro tamén repartiu 1.600
quilos de tomate, 200 quilos de feixoas, 60 quilos de peras, 53 quilos de
mirabeles ou 15 de pementos, ademais de menores cantidades de limóns ou uvas.
Os kiwis que se están a repartir no día de
hoxe dende a EFA foron recollidos o mes pasado e están agora no mellor momento
para comer, xa que precisan de bastante tempo para que maduren correctamente.
Os colectivos aos que van dirixidos son comedores sociais como o de San Francisco,
sociedades como San Vicente de Paúl, parroquias, bancos de alimentos,
residencias de anciáns ou colectivos de acción solidaria, todos eles indicados
dende o departamento provincial de Cohesión Social e Xuventude. Hai entidades
tanto de Pontevedra e Vigo como de Caldas de Reis, Cambados, Vilagarcía de
Arousa, Tui, Lalín, Ponteareas, Marín, Cangas, A Guarda, Tomiño e Salvaterra.
Unidades
didácticas
Ademáis das doazóns de froita ás entidades
sociais, a Estación Fitopatolóxica de Areeiro tamén cede parte das súas
colleitas aos centros educativos da provincia. Así ocorre coas froitas de
outono e tamén en primavera, xa que hai unha unidade didáctica específica para
que rapazas e rapaces coñezan as feixoas, as guaiabas fresa e os kiwiños, que
non son moi habituales nas froiterías, e saboreen tamén castañas e noces. En
canto a primaveira e verán trabállase coas plantacións de mirabeles,
frambuesas, arándanos, grosellas e amorodos .
Mediante esas unidades didácticas os
profesores aprenden aos rapaces as características de cada froito e despois fan
unha ficha unha vez teñen probado e coñecido persoalmente a froita.
Este ano repartíronse dende Areeiro 580
quilos de feixoas e 31 de guaiabas fresa e menores cantidades de outras
froitas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario