§
O Goberno galego publicará este mes a orde reguladora das axudas do
programa ‘Vivendas do Camiño’, que estará en vigor, polo menos, ata 2020
§
Con esta medida preténdese contribuír á recuperación do patrimonio
construído en Galicia, poñendo en valor as rutas xacobeas e dinamizando
xeográfica e economicamente os lugares polos cales pasa, maioritariamente
rurais
§
Os
solicitantes poderán financiar con cargo a estas axudas ata o 35 por cento do
orzamento das obras de rehabilitación, cun límite máximo de 11.000 euros por
vivenda
§
O programa inclúe unha partida de 500.000 euros para a adecuación de
infravivendas situadas no rural
§
Realizarase unha campaña informativa e divulgativa que percorrerá os
107 concellos integrados na Área de Rehabilitación Integral dos Camiños de
Santiago
§
Estas subvencións permitirán restaurar vivendas situadas nun total de
498 parroquias galegas
A Xunta de Galicia destinará
o vindeiro ano 3,2 millóns de euros á rehabilitación de vivendas nos sete
Camiños de Santiago, a través dunha orde que se publicará neste mesmo mes de
decembro. Así o acordou hoxe o Consello da Xunta, que avaliou un informe sobre
a posta en marcha do programa ‘Vivendas do Camiño’, unha medida recollida no
Plan autonómico de vivenda 2015-2020, o Plan rehaVita.
Con este programa, o Goberno galego quere
contribuír á posta en valor da paisaxe dos Camiños de Santiago como activo singular
da Comunidade Autónoma, a través da recuperación do patrimonio construído na
ruta, configurado ao longo dos séculos como un sinal de identidade do país.
Así mesmo, o Goberno galego entende que esta
iniciativa contribuirá a dinamizar desde o punto de vista xeográfico e
económico as zonas polas cales pasan os Camiños de Santiago, que transcorren en
gran medida por territorio rural.
O programa será xestionado directamente polo
Instituto Galego da Vivenda e Solo e das súas axudas pódense beneficiar as vivendas
situadas en 498 parroquias dos 107 concellos polos cales transcorren as sete
rutas dos Camiños de Santiago en Galicia.
Os solicitantes destas axudas poderán
financiar con cargo a estas subvencións ata o 35 por cento do orzamento das
obras de rehabilitación, cun límite máximo de 11.000 euros por vivenda.
Nas zonas urbanas as axudas irán destinadas
unicamente ás vivendas situadas no trazado do Camiño, e nas zonas rurais
poderán acollerse ás axudas todas as vivendas incluídas na parroquia pola que pasa
un dos Camiños de Santiago, e non só aqueles inmobles situados estritamente na
ruta.
As axudas poderán concederse ás persoas
propietarias únicas de edificios ou vivendas, comunidades de propietarios e
agrupacións de comunidades de propietarios, e as actuacións subvencionables
deberán adaptarse ás normativas vixentes en materia de edificación,
accesibilidade, patrimonio cultural e urbanismo.
Este mesmo mes de decembro publicarase a orde
coas bases reguladoras para acollerse ao financiamento do programa ‘Vivendas do
Camiño’ e a comezos de 2016 publicarase a convocatoria das axudas.
A Orde pola que se rexerán as axudas de
infravivenda rural, por importe de 500.000 euros, publicarase tamén en de 2016.
Campaña
de difusión
Co obxectivo de estender a cultura da
rehabilitación e levar a información das axudas a todos os potenciais
beneficiarios delas, o Instituto Galego da Vivenda e Solo realizará unha ampla
campaña de difusión delas nos 107 concellos polos que transcorren os Camiños de
Santiago.
Con tal fin están previstas as seguintes
actuacións en todos os concellos dos camiños: charlas informativas dirixidas
aos potencias beneficiarios das axudas; xornadas técnicas para o persoal dos
concellos beneficiarios e as autoridades locais; exposicións itinerantes
divulgativas sobre a Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago e as axudas
de rehabilitación; e actuacións de asesoramento técnico e de coordinación das
diferentes administracións implicadas.
A Área de
Rehabilitación do Camiño de Santiago foi declarada no ano 2010 e comprende o
trazado das sete rutas do Camiño en Galicia:
- Francés. Desde Pedrafita do Cebreiro ata Santiago de Compostela
- Da Prata I. Desde A Mezquita ou Verín ata Ourense
- Da Prata II. Desde Ourense ata Santiago de Compostela
- Inglés. Desde Ferrol ou A Coruña, xuntándose en Mesía ata Santiago de Compostela
- Primitivo. Desde A Fonsagrada ata Melide que conecta co Camiño Francés
- Norte. Desde Ribadeo ata Arzúa que conecta co Camiño Francés
- Fisterra-Muxía. Desde Santiago de Compostela ata Fisterra con desvío Muxía
- Portugués. Desde Tui a Santiago de Compostela
Desde a declaración da Área de Rehabilitación
dos Camiños de Santiago rehabilitáronse nela 130 vivendas, cun investimento
público próximo aos 900.000 euros. Estímase que as axudas que se destinarán o
vindeiro ano a este programa permitirán rehabilitar no contorno 300 vivendas.
Desde 1996,
ademais da Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago foron declaradas en
Galicia outras 66 áreas de rehabilitación en 40 concellos diferentes, de
maneira que o total de concellos galegos que dispoñen de áreas de
rehabilitación ascende a 128, xa que algúns dos concellos incluídos na área dos
Camiños de Santiago tamén teñen Aris propias.
En total, dende o ano da súa creación, rehabilitáronse
ao abeiro das ARIS máis de 11.300 vivendas, cuxos propietarios recibiron axudas
da Xunta e do Estado. Os concellos correspondentes tamén realizaron múltiples
obras de urbanización e reurbanización no ámbito das ARIS, e recibiron tamén
axudas autonómicas e estatais para as ditas obras. A achegas da Xunta e do
Estado para a rehabilitación de vivendas e urbanización e reurbanización
superan os 85,5 millóns de euros que induciron un investimento de máis de 15
millóns de euros por parte dos concellos e preto de 90 millóns de euros polos
propietarios das vivendas, o que supón que o programa de áreas de
rehabilitación xa mobilizou, desde a súa creación en 1996, un total de máis de
190 millóns de euros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario