A conselleira de
Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez e o conselleiro de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantiveron hoxe un encontro para
analizar a incidencia da folga do transporte público
§
Vázquez Mourelle desminte
que o novo Plan supoña a redución de 1.000 empregos, xa que esta iniciativa
blinda os traballos no sector, que incluso se incrementarán ao aumentar o
número de coidadores para velar pola seguridade dos escolares
§
O conselleiro de Educación,
Román Rodríguez, lamenta que o
incumprimento dos servizos mínimos impida o dereito dos alumnos a acudir aos
seus centros escolares e obstaculice a conciliación familiar
§
Román Rodríguez fai un
chamamento á responsabilidade que faga compatible o exercicio lexítimo da folga
co cumprimento dos servizos mínimos e o respecto aos dereitos do conxunto da
cidadanía
A conselleira de
Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez e o conselleiro de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, xunto cos secretarios xerais
técnicos das respectivas consellerías, Joaquín Macho e Jesús Oitavén, e o
director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantiveron un encontro para
analizar a incidencia da folga do transporte público, no que acordaron a
apertura de expedientes informativos ante o elevado incumprimento dos servizos
mínimos, con miles de alumnos e familias afectados. O Goberno galego, unha vez
iniciados estes expedientes ás empresas e analizados os datos necesarios,
avaliará se é precisa a imposición de sancións.
Vázquez Mourelle lamentou que o incumprimento dos servizos mínimos de transporte
estea a vulnerar o dereito á educación dos menores e a ocasionar molestias aos
seus familiares.
A conselleira desmentiu rotundamente que o novo Plan de transporte público
vaia supoñer a redución de 1.000 empregos, xa que se descartan a supresión de
servizos. Neste sentido, precisou que sucede máis ben o contrario, pois este
plan que está a impulsar a Xunta nace da premisa de garantir os postos de
traballo no sector, que incluso se incrementarán ao aumentar substancialmente o
número de coidadores coa fin de velar pola seguridade dos escolares nos
autobuses.
Ethel Vázquez reiterou que a Xunta mantén as portas abertas para abordar o
plan, pero subliñou que o incumprimento dos servizos non son o camiño do
diálogo.
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria, Román Rodríguez tamén lamentou o incumprimento dos servizos
mínimos, que no caso do transporte escolar está vulnerando o dereito á
educación dos alumnos e impedíndolles acudir aos seus centros escolares.
Ademais, engadiu que esta situación tamén está a prexudicar á conciliación das
familias.
Román Rodríguez fixo
un chamamento á responsabilidade que faga compatible o exercicio lexítimo da
folga co cumprimento dos servizos mínimos e o respecto aos dereitos do conxunto
da cidadanía.
No hay comentarios:
Publicar un comentario