AREEIRO PREVÉ QUE A VENDIMA SE ADIANTE ESTE ANO ANTE A BOA MADURACIÓN DOS ACIOS NAS VIÑAS - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

jueves, 29 de junio de 2017

AREEIRO PREVÉ QUE A VENDIMA SE ADIANTE ESTE ANO ANTE A BOA MADURACIÓN DOS ACIOS NAS VIÑAS





Os técnicos aconsellan incorporar xa o cobre nos tratamentos contra o Mildeu

Tamén apuntan que é preciso eliminar os restos do cultivo da pataca nas fincas para evitar que sirvan de refuxio para as pragas de insectos


A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación provincial, vén de indicar no seu último aviso fitosanitario a previsión de que a vendima se adiantará este ano con respecto á pasada campaña ante a maduración xeral dos acios nas viñas. Por outra parte, os técnicos tamén advirten da necesidade de incorporar o cobre nos tratamentos contra o Mildeu na viña, aconsellan eliminar os restos do cultivo das patacas (tubérculos e ramas) das fincas para evitar que sirvan de refuxio para as pragas de insectos como a pulga ou a couza, e apuntan a necesidade de iniciar os tratamentos contra as eirugas de Cydalima perspectalis no buxo para evitar danos máis graves de defoliación.

Segundo explica a técnica Rosa Pérez Otero, responsable dos avisos fitosanitarios da EFA, o tempo seco e caloroso das últimas semanas fai que os acios presenten un estado máis avanzado en relación á campaña precedente. No ano anterior o peche do acio produciuse cara a metade de xullo, e os primeiros grans virados de cor observarámolos na primeira semana de agosto, mais este ano o estado ‘peche do acio’ xa está xeneralizado, e en variedades moi temperás de zonas especialmente cálidas de O Condado xa se empezan a ver uvas con cambio de cor, e mesmo algunha variedade coa totalidade dos grans virados de cor. “Con estes datos -asegura Pérez- todo parece apuntar a que a vendima se vai adiantar este ano, pero aínda queda marxe para que a situación se reverta segundo o sucedido noutros anos, en que tamén se falaba de adianto, pero nos que finalmente a vendima tivo lugar só uns días antes do habitual”.

En canto aos patóxenos e pragas, a EFA indica que a partir de agora xa son recomendables os tratamentos contra o Mildeu con produtos que incorporan o cobre no formulado, dado que as precipitacións e as temperaturas da vindeira semana serán aínda favorables ao patóxeno. Por iso, “non hai que descoidar a vixilancia, revisando as viñas e tratando se aparecen novos síntomas, en especial o mildeu larvado que, como todos sabemos, é un problema complicado de xestionar”, asegura Pérez.



Por outra banda, os técnicos de Areeiro sinalan que veñen de colocar máis trampas para a captura de adultos de Scaphoideus titanus na zona fronteiriza con Portugal, país onde xa está detectada a enfermidade que transmiten estes cicadélidos (‘flavescencia dourada’), que nunca apareceu ata o de agora no país. Polo de agora as ninfas nas follas seguen en cifras inferiores aos limiares de tratamento, mais é preciso lembrar que os síntomas que unha elevada poboación podería chegar a producir poden ser confundidos con outras alteracións bióticas (por exemplo alteracións de madeira) ou abióticas (seca, carencias...) que se están a manifestar estes días pola climatoloxía reinante.

Finalmente, en canto á viña, continúan a aparecer novos síntomas de erinose nas follas tenras de moitas parcelas, tal e como ocorreu nunha das viñas que visitadas esta semana na zona de Barrantes (Salnés), onde se atoparon síntomas que apuntaban a acariose e que foron confirmadas á lupa.  Do mesmo xeito que a semana precedente continúan aparecendo síntomas de alteracións da madeira e tamén nas viñas nas que se fixo un esfollado intenso acios afectados por golpe de sol.

Pataca
En xeral non se observan novos síntomas de Mildeu nas fincas que visitamos pero é necesario lembrar que, se se producen as choivas que anuncian as axencias meteorolóxicas para a semana próxima haberá condicións moi favorables ao seu desenvolvemento. É preciso lembrar que naqueles casos nos que se estea a levantar o cultivo é necesario respectar escrupulosamente o prazo de seguridade dos funxicidas.

Por outra parte, precisamente para aqueles casos en que se estea a producir a colleita, ou que estea próxima, é necesario eliminar os restos do cultivo (e nunca deixar os tubérculos nas fincas, menos aínda cubertos polas ramas) para evitar que sirvan de refuxio para pragas de diferentes insectos como pulga da pataca ou a couza.

Tratamento para o buxo
Nesta semana, tanto na zona sur de Pontevedra como nos arredores da propia cidade observáronse xa síntomas evidentes do ataque das eirugas  Cydalima perspectalis, e mesmo  hai informacións de sebes xa bastante defoliadas. “Tamén continuamos observando postas novas, o que indica que os adultos continúan voando. Por estes motivos, é bo momento de iniciar os tratamentos fronte a esta xeración para tratar de evitar danos máis graves”, subliña Pérez.

No referido aos plátanos de sombra as condicións climáticas están a ser favorables a diferentes especies de Oídio, e no caso dos plátanos de sombra está a observarse unha importante presenza do seu característico micelio branco-gris nas follas máis tenras ou terminais. Así mesmo, en varias localidades da provincia tamén se está observando o síntoma característico dos ataques do ‘tigre do plátano’: picaduras nas follas de cor entre amarela e marrón. Se a súa presenza se incrementa pode dar defoliación prematura das plantas, co que deixan de aportar sombras, polo que se lembra a necesidade de consultar os insecticidas autorizados.

No hay comentarios:

Publicar un comentario